TURISMO E CULTURA

O III Mercado Internacional de Curtametraxes de Curtocircuíto recibe 2.644 curtas de 93 países

24/07/2008 Curtocircuíto, o festival de curtametraxes organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo e a Concellaría de Cultura, celebra na edición de 2008 o III Mercado Internacional de Curtametraxes en Santiago de Compostela. Dende que se abriu o prazo de inscrición o 14 de abril, 2.644 curtometraxistas rexistráronse en Curtocircuíto e formarán parte do catálogo desta edición.

Todas as curtas inscritas en Curtocircuíto neste ano estarán a disposición dos profesionais acreditados, que terán a posibilidade de acceder aos fondos do festival na propia sede do Mercado e de poñerse en contacto con curtometraxistas e outros profesionais do sector para establecer contactos comerciais. Tamén se celebrarán outras actividades como mesas de debate e presentacións dos catálogos de algunhas das distribuidoras máis importantes tanto españolas como internacionais.

O obxectivo do III Mercado Internacional é impulsar a industria audiovisual en Santiago, convertendo a capital galega no principal punto de encontro dos profesionais do sector da curtametraxe.

Curtocircuíto leva a cabo outras moitas actividades relacionadas cas curtametraxes. Por exemplo, xa está en marcha Curtocircuíto na Rúa, as proxeccións de curtas ao aire libre nos meses de xullo e agosto, e regresará entre o 17 e o 24 de outubro para celebrar a Semana Oficial do Festival, na que se proxectarán máis de 200 novas curtas, organizaranse obradoiros de formación, concertos e exhibicións.

Compartir: