ALCALDÍA

Santiago e Assisi únense nun proxecto de cooperación cultural, económica e turística

24/07/2008 O Pazo de Raxoi acolleu a cerimonia de ratificación do irmandamento de Santiago de Compostela coa cidade italiana de Assisi. Mediante este acordo, as dúas cidades comprométense a activar programas para a mutua posta en valor e diversas accións nos eidos cultural, económico e turístico, tanto a nivel nacional como internacional. Unha destas accións será a posta en marcha dunha liña aérea que una as dúas cidades e que podería estar activa a finais de 2008.

A cerimonia da sinatura estivo presidida polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e polo seu homólogo, o alcalde de Assisi, Claudio Ricci. Tamén estiveron presentes as corporacións municipais de ámbalas dúas cidades e representantes da cultura, do turismo e do tecido empresarial de Santiago.

Na súa intervención, Sánchez Bugallo expresou a súa satisfacción por ratificar un acordo de irmandamento que "consolida definitivamente os lazos que nos unen histórica e culturalmente". Despois de repasar o proceso que conduciu a este acto e dos lazos comúns entre Galicia e Umbria, o alcalde resaltou que "Santiago e Assisi levan séculos acollendo peregrinos procedentes de calquera parte do planeta e hai xa tempo tamén que as dúas uniron os seus camiños grazas á peregrinación do propio San Francisco de Asís a Santiago en 1214. Con esta peregrinación San Francisco comezou un lazo que agora queremos volver a propoñer a través da unión do Camiño de Santiago co Cammino di San Francesco, recuperando e poñendo en valor esta ruta que une en ambos sentidos as dúas cidades". A esa peregrinación se referiu tamén para apuntar que "o espírito compostelán de universalidade e solidariedade engrandécese con este irmandamento, abrindo unha nova porta á concordia e ao coñecemento dos pobos. Recuperamos a orixe das nosas culturas como vínculo de enriquecemento. O noso irmandamento é nin máis nin menos que un recoñecemento ás nosas orixes".

"As relacións de amizade e cooperación que hoxe asumimos son xa un proxecto compartido. Trátase agora de desenvolver a cooperación no ámbito cultural e patrimonial, pero tamén arquitectónico, de rehabilitación urbana e de desenvolvemento social e económico", subliñou o rexedor compostelán a propósito dos obxectivos do irmandamento. En definitiva, concluíu, "o noso desexo é que este irmandamento fomente o intercambio de experiencias e compromisos en calquera campo que poida contribuír a mellorar a calidade de vida dos nosos cidadáns; e que nos axude a buscar oportunidades para compartir experiencias que nos sexan útiles a ambos".

Lugares da alma
Pola súa parte, o alcalde de Assisi, Claudio Ricci, referiuse a Assisi e a Santiago como dúas cidades ás que a historia asignou o sublime papel de "lugares da alma". Trátase, dixo, de "dous monumentos para a humanidade divididos por séculos de historia pero unidos polo desexo de atravesar os camiños do mundo".

Sobre o irmandamento, manifestou que "trataremos de promover os valores espirituais e culturais de San Francisco de Asís e Santiago, xuntando os dous camiños na busca dos cumios máis altos da humanidade". Finalmente, expresou o seu desexo de que a súa vindeira viaxe a Santiago a poida facer nun avión da nova rota entre Assisi e a capital galega, onde dixo, "atopamos unha nova casa".

Froitos no tempo
Tamén interveu no acto Paulo Caucci, director da Cátedra de Estudos Xacobeos da Universidade de Perugia e gran impulsor do Camiño e deste irmandamento. O profesor declarou a súa emoción por participar nun acto que "ratifica unha realidade que na historia, na alma das dúas cidades, na súa natureza máis propia, xa existían". Amosouse convencido de que "irmandamento é auténtico e terá os seus froitos e durará no tempo".

Non se esqueceu na súa intervención dos lazos das dúas cidades como centros de investigación internacional a través das súas universidades. Neste sentido, xa se estableceron contactos para proxectos en común, "o primeiro dos cales se refire á necesidade de afondar no estudo da peregrinación de San Francisco a Compostela, e estudar a presenza da orde franciscana nos camiños de peregrinación".

Igualmente, indicou, "en Assisi haberá que estudar as numerosas pegadas que a tradición xacobea deixou na cidade a partir dos estupendos frescos do Oratorio dei pellegrini, que narran a milagre do peregrino aforcado de Santo Domingo de la Calzada, ata a fundación da igrexa de San Giacomo de muro rupto na que hai uns días se celebrou o emotivo acto de entrega das credenciais ao grupo de peregrinos de Assisi que chegaron onte a pé para participar neste acto, entre los cales destacan membros da corporación municipal".

Despois deste acto, os participantes no mesmo dirixíronse ao Parque de San Lázaro, onde se descubriu unha placa conmemorativa do irmandamento.

Compartir: