CIDADE HISTÓRICA

Once empresas optan a pór en marcha a rede WiMAX para a Cidade Histórica

23/07/2008 Constituíuse a mesa de contratación de subministro e posta en marcha da rede WiMAX na zona vella, presidida pola concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Olga Pedreira. Nesta sesión abríronse as plicas do concurso público e verificouse que todas as empresas que se presentaron tiñan entregado toda a documentación correctamente.

No total son once as empresas que optan ao contrato público para a implantación dunha rede sen fíos baseada no estándar WiMAX na área xeográfica do Casco Histórico de Santiago e á posta en marcha de diversos servizos sobre esta infraestrutura; así como para a xestión, mantemento e explotación da Rede polo período de tres anos.

En palabras de Olga Pedreira, "estamos moi satisfeitos pola grande expectación e interese que ten suscitado a futura rede WiMAX de Compostela", ao que engadiu que "finalmente foron once as empresas que se presentaron ao concurso, pero foron moitas máis as que se interesaron polo mesmo". Así, entre estas once empresas pódese encontrar unha gran variedade de perfís, dende multinacionais a empresas de Santiago, sendo varias as empresas galegas e tamén varias as do resto do España.

A concelleira da Cidade Histórica e presidenta da mesa de contratación manifestou tamén que para asesorar en cuestións técnicas "existirá un comité de expertos que realizarán unha avaliación de caracter técnico e que emitirá un informe sobre cada unha das propostas". Este comité estará liderado polo xefe de informática do Concello, Jesús Rodríguez Castro.

Compostela, un futuro sen fios
Un obxectivo fundamental para a Oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación é traballar para preservar e pór en valor toda a riqueza da zona monumental. Porén, tamén ten entre os seus obxectivos está convertela nun lugar agradable para vivir e dotado de todos os servizos. O acceso a internet de banda larga é un deles e de aí que a Concellaría poña en marcha este proxecto piloto de conexión á rede mediante tecnoloxía WiMAX.

O WiMAX (Worldwide Interoperability for Microwave Access) é unha tecnoloxía que permite transportar grandes cantidades de datos sen necesidade de cabos. En condicións ideais o WiMAX pode cubrir distancias próximas aos 80 quilómetros e ofrecer acceso a internet con prestacións semellantes ás das liñas ADSL máis potentes.

Para garantir a máxima cobertura, a Concellaría da Rehabilitación e Cidade Histórica pon en marcha este proxecto para instalar tres antenas WiMAX en lugares estratéxicos. Con elas cubrirase practicamente toda a Cidade Vella. A rede WiMAX principal complementarase coa colocación de 11 puntos Wi-Fi nas prazas do casco monumental para conexións ao aire libre.

Compartir: