PROMOCIÓN ECONÓMICA E EMPREGO

Nace unha empresa de inserción laboral ao abeiro da concellería de Promoción Económica

14/09/2005 A creación dunha nova empresa de limpeza e axuda a domicilio, que creará postos de traballo para mulleres que teñen dificultades para acceder ao mercado laboral, é froito da colaboración entre a concellería e a Plataforma polo Emprego que comezou hai máis dun ano.

O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, e o presidente da Plataforma polo Emprego, Miguel Fernández, presentaron no Pazo de Raxoi a creación dunha empresa de inserción laboral, un tipo de empresa que no seu obxecto social ten como finalidade principal a integración social e laboral de persoas en situación ou grave risco de exclusión social.

Xosé Manuel Iglesias dixo que "esta iniciativa é unha mostra da política de inserción laboral que desenvolve a concellería, que quere reducir as taxas de desemprego nos colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral. Para lograr este obxectivo estamos potenciando a creación de empresas de carácter social coa colaboración das asociacións locais".

Miguel Fernández, pola súa banda, apuntou que a empresa nace "con duas traballadoras contratadas, pero a nosa idea é que no seu primeiro ano teña catro". Mostrouse confiado no éxito da iniciativa, xa que a decisión de que a empresa se adicase a limpeza e atención a domicilio tomouse logo "dun estudo de viabilidade no que colaboramos a Plataforma polo Emprego e a concellería de Promoción Económica".

Empresas de inserción laboral
As empresas de inserción –que teñen como finalidade a integración laboral de persoas con difícil acceso ao mercado de traballo- poden ser promovidas pola Administración ou por entidades de iniciativa social, que poden contratar directamente ás persoas que realizan a actividade dándose de alta no Imposto de Actividades Económicas ou constituíndose con calquera forma jurídica: sociedade mercantil ou de economía social.

As persoas en inserción traballan nestas empresas –ata un máximo de tres anos- con persoas que teñen formación ou experiencia no sector para poder obter unha capacitación axeitada que os permita acceder ao mercado laboral.

Plataforma polo emprego
A Plataforma polo Emprego está integrada por outras entidades de carácter social da comarca de Santiago: o Centro de Traballo e Cultura de Cáritas Interparroquial, a Coordenadora do Barrio de Vite, a Asociación de veciños "A Xuntanza", a Asociación de veciños "Recandea", o Secretariado Xeral Xitano, Cruz Vermella, a Asociación de inmigrantes "Gondwana", a Asociación de inmigrantes Casa Latinoamericana, a Asociación de empregadas de fogar "Xiara" e a Asociación de mulleres "Liberanza".

Compartir: