PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Observatorio Estatístico actualizará permanentemente os datos da realidade de Compostela

23/07/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Estatístico 2008 e o microsite Observatorio Estatístico, ao que se accede a través da páxina web da Concellaría www.maiscompostela.org.

O Observatorio Estatístico supón a evolución natural da anterior Oficina de Estatística municipal, e pon a disposición das persoas interesadas unha radiografía en cifras da realidade de Santiago de Compostela. A través desta páxina pódese obter unha información precisa e actualizada sobre o Concello. Contén todos os estatísticos publicados ata agora dende que se empezaron a recompilar datos, no ano 1999.

É, ademais, unha ferramenta importante de consulta para coñecer a evolución do Concello de Santiago a diferentes niveis: económico, social, cultural, etc. A súa presenza en internet tamén permite ter unha base de datos actualizados difundidos internacionalmente que poden ser utilizados, por exemplo, por inversores e empresas externos á hora de buscar novos asentamentos.

Este espazo web conta cun deseño funcional de fácil consulta para profesionais de Administracións Públicas e da empresa privada, e para as persoas interesadas. É unha páxina interactiva que leva integrado un apartado específico de solicitude de datos de carácter público que se responderán nun máximo de 72 horas. Nela tamén se pode consultar a lexislación vixente en materia de estatística e de protección de datos de carácter persoal. Contén tamén ligazóns coas páxinas webs da Concellaría de Promoción Económica, do Concello de Santiago e do Instituto Galego de Estatística (IGE); e unha Área Reservada, un espazo deseñado para que as entidades colaboradoras vaian introducindo, dun xeito áxil, rápido e cómodo, as cifras e datos cos que se elaborarán os posteriores estatísticos.

Estatístico 2008
O obxectivo do Estatístico 2008, que contén datos do 2006 e do 2007, é amosar a evolución e a realidade actual do Concello de Santiago a través dunha análise rigorosa da súa realidade económica, social e cultural. Todos os datos contidos no Estatístico pódense consultar neste espazo web do servizo de Estatística.

Esta publicación, da que se van facer 500 copias en lapis electrónico e se van editar 1.000 exemplares, recolle máis de 8.000 datos en 470 páxinas distribuídas en once capítulos. Ademais, en 2008 a publicación incorpora un apartado de cartografía que recolle en cinco mapas a división do Concello de Santiago por distritos e a ubicación dos servizos sociais, dos centros socioculturais e dos espazos deportivos.

Respecto ao Estatístico 2006-2007, estrutúrase de xeito diferente. Na nova publicación introdúcense datos novidosos das empresas municipais e, no capítulo de Cultura, amplíase a información sobre os actos desenvolvidos e introdúcese un apartado con datos do Servizo para a normalización da lingua galega. Outra novidade é o capítulo 11, que recolle datos sobre as actividades realizadas pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo.

O Estatístico 2008 reflicte un aumento da poboación do Concello de Santiago, que pasa de 93.828 habitantes en 2006 a 94.186 habitantes en 2007. Tamén aumenta o número de contratos de traballo asinados neste período: 63.445 en 2006 e 67.225 en 2007. Incrementáronse, ademais, ás áreas de xogos infantís, que pasan de 46 en 2006 a 57 en 2007. No apartado de cultura, aumentou o número de representacións de obras no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia, e tamén se incrementou o número de espectadores. En 2006 representáronse, nestes dous espazos, 35 obras, ás que asistiron 7.782 persoas. No 2007 foron 62 representacións cun total de 9.641 espectadores.

En transporte, destaca o aumento no movementos de mercadorías e pasaxeiros do Aeroporto de Lavacolla. En 2007 rexistráronse 2.753.629 quilogramos.de mercadorías, fronte aos 2.588.422 kg.do 2006. En canto a número de pasaxeiros, pasou de 1.956.341 en 2006 a 2.007.394 en 2007. O Estatístico tamén reflicte que 498 persoas que participaron en programas da Concellaría de Promoción Económica entre o segundo semestre do 2006 e o 2007 accederon ao mercado laboral, e que se crearon 65 novos proxectos empresariais a través dos Proxectos Equal (64 empresas) e Persoa IV (unha empresa). Todas as cifras, gráficos e cartografía contidos no Estatístico 2008 poden consultarse no espazo web do Observatorio Estatístico.

Compartir: