EMPREGO E MEDIO AMBIENTE

A planta de Compostela Inserta xera 400 toneladas anuais de compost e forma a 12 persoas

22/07/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel, Elvira Cienfuegos, visitaron a planta de compostaxe de Compostela Inserta, situada en Amio. Este é un proxecto novedoso que ten como obxectivo facilitar o acceso ao mercado laboral de colectivos de difícil inserción a través da creación de empresas en actividades produtivas consideradas novos xacementos de emprego. A través de Compostela Inserta estanse formando 12 persoas en materias relacionadas coa compostaxe.

Durante a visita, o asesor e técnico en implantación e xestión de plantas de compostaxe, Ramón Plana, explicou como funcionan as instalacións. A planta de compostaxe de materiais orgánicos de orixe vexetal, naceu como un modelo de instalación sinxela, descentralizada e de pequeno tamaño, para dar servizo ao municipio. Pode tratar anualmente unhas 2.500 toneladas de materiais vexetais de diferente tipo dependendo da época do ano: máis céspede no verán, e máis restos de poda leñosos de cara outono e inverno. A planta conta cunha produción estimada de compost dunhas 400 toneladas anuais.

O sistema de compostaxe é de pilas voltexadas, prestando especial atención á evolución da temperatura, contido en osíxeno e humidade do material, parámetros claves para un correcto desenvolvemento do proceso biolóxico. A fase de maduración do material faise en mesetas, de maior altura cas pilas polo que se conserva mellor a calor que se xera no proceso de humidade.

Proceso de compostaxe
A compostaxe é un proceso natural de descomposición e retorno ao solo da materia orgánica que ten lugar nos montes. Unha planta de compostaxe reduce o tempo deste proceso, obtendo un produto estabilizado, hixienizado, semellante a terra vexetal ou humus, que se denomina compost.

Este material ten propiedades beneficiosas para os solos. Destaca o seu poder fertilizante, o aporte de oligoelementos e a mellora da estrutura e da capacidade de aireación do solo. Tamén incrementa a retención hídrica, reduce a erosión, enriquece a microfauna e aumenta a resistencia do solo ás pragas. Ademais é beneficioso para o medio ambiente, xa que o carbono queda case todo fixado como unha materia orgánica estable, polo que as emisións deste gas á atmósfera son mínimas.

Este sistema, diferenciado do circuíto de residuos sólidos urbanos permite abaratar custes de xestión, evitar a emisión de miles de toneladas de CO2 á atmósfera e producir compost, un substrato óptimo para a xardinería, a agricultura e o sector forestal. Estes beneficios medioambientais, unidos á formación e a creación de emprego fan de Compostela Inserta un proxecto moderno e novedoso para Santiago.

Compartir: