MEDIO AMBIENTE E CULTURA

Remata o prazo para inscribirse no Obradoiro Medioambiental "O Gardaparques"

21/07/2008 O mércores 23 de xullo terá lugar un novo Obradoiro Medioambiental de 11:00 a 13:00 horas no Centro de Interpretación de Parques e Xardíns da Alameda. Desta volta tratase de "O Gardaparque", unha actividade dirixida a alumnos de primaria que axudará a coñecer mellor a Alameda. Estes Obradoiros Medioambientais enmárcanse dentro do programa Vive o Verán, que organizan a concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel e a de Cultura e Centros Socioculturais.

Vive o Verán propón esta actividade para todos os mércores de xullo e agosto, sempre de 11:00 a 13:00 horas, sendo necesaria a inscrición previa tendo como limite o martes anterior a cada obradoiro ata as 13:30 horas. As inscricións poden realizarse en calquera dos centros de referencia da Rede de Centro Socioculturais de Santiago ou no propio Centro de Interpretación Ambiental de Parques e Xardíns da Alameda.

Para "O Gardaparques", que se realizará o mércores 23 aínda quedan as últimas prazas libres, polo que calquera persoa que queira anotarse poderá facelo ata as 13:30 horas. Este obradoiro ensina os efectos negativos e positivos do noso paso pola Alameda mediante xogos para despois descubrir todo o que este parque esconde: un mundo cheo de árbores, que se van vendo e analisando, empezando primeiro polas que existen en todo o mundo ata chegar ás propias da nosa terra, para acabar construíndo un pequeno herbario con algunha das súas follas.

Vive o Verán
Vive o Verán impulsa uns contidos anovadores que procuran o respecto e a defensa do medio ambiente, o coñecemento profundo da cidade e a consolidación de redes de interconexión entre os distintos barrios de Compostela. O obxectivo final do programa é educar para un lecer diferente, fomentar a relación interxeracional e unha imaxe positiva da vellez, e pór en valor espazos naturais e ao aire libre da cidade como parques e prazas.

Compartir: