COMERCIO

A proposta colorista de Andrómenas gaña a edición de verán do Concurso de Escaparatismo

17/07/2008 O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, presentou os tres comercios premiados na edición de verán do V Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping. En primeiro lugar clasificouse o estabelecemento de decoración Andrómenas, gañador anual do certame no ano 2006. En segundo lugar quedou a tenda de marroquinería Media Lúa, gañadora anual do concurso no ano 2007. E o terceiro premio foi para a xoiaría Xanana, terceira clasificada na edición de Nadal do 2007.

Na edición de verán do certame inscribíronse 24 comercios de diferentes sectores, un 26,32% máis que no 2007, cando se presentaron 19 estabelecementos. Entre os comercios participantes predominan os de textil e confección (sobre todo de moda infantil), os de complementos, os de decoración e os de artesanía. A lista de inscritos tamén inclue ópticas, perfumarías, xoiarías, xoguetarías, estabelecementos de seguridade e tendas de alimentación.

O estabelecemento clasificado en primeiro lugar foi Andrómenas, situado na rúa do Doctor Teixeiro, 30. Unha convocatoria máis, esta tenda de decoración achega unha composición de gran calidade, moi colorista, artelladada cunha gran forza cromática e unha temática perfectamente adaptada á epoca de rebaixas. Do interior do estabelecemento o xurado destaca o ben disposta que está a mercadoría, coidando moito a distribución e o equilibrio visual, algo difícil cando se expón gran cantidade de produtos.

O segundo premio acadouno a tenda de marroquinería Media Lúa, situada na rúa Travesa, 5. Os responsables do estabelecemento buscaron a inspiración no mundo da maxia. O xurado valorou, sobre todo, a perfecta manufactura e a interactividade entre o escaparate e o interior. Un escaparate no que se distribuen perfectamente os aparellos de traballo dun mago: cordas, sobreiro, luvas, variña máxica e cun cartel coa lenda "A maxia está dentro".

O xurado acordou conceder o terceiro premio á xoiaría Xanana, situada na rúa Doctor Teixeiro, 25. Na súa decisión o xurado destaca a orixinalidade do escaparate, que utiliza cores moi vivas sobre un fondo escuro. O resultado, moi visual, atrae ao potencial comprador, convídao a deterse e a entrar na tenda para coñecer o produto.

O xurado, integrado por asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valorou especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. Este xurado estivo formado por representantes da Concellaría de Promoción Económica e Comercio, da Asociación de Comerciantes de Santiago ACOTES, da Asociación de Comerciantes e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, da Fundación Santiago Centro Área Comercial, de Euroconsumo Galicia, do Grupo Correo Gallego e un experto en imaxe, marketing e comunicación

Os premios para os gañadores consisten en investimentos en promocións publicitarias a nivel local por valor de 3.450 euros para o primeiro clasificado, de 2.000 euros para o segundo, e de 1.500 euros para o terceiro. Este ano os comercios gañadores escollen os soportes e os medios de comunicación nos que queren publicitarse.

Compartir: