URBANISMO

Sánchez Bugallo: "O proxecto da praza de Galicia será respectuoso coa zona e estará de acordo a unha orde de prioridades"

15/07/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o acto de entrega dos premios do concurso de ideas para a remodelación da praza de Galicia. Os proxectos gañadores están a servir de base para elección do proxecto definitivo de reforma por parte dunha comisión avaliadora.

Sánchez Bugallo anunciou para antes de finais de xullo as conclusións da comisión avaliadora, a partir das cales se decidirá cal é o modelo de reforma da praza polo que se aposta, como paso previo á redacción do proxecto de execución. Sobre esta elección, indicou que "será respectuosa coa zona e estará de acordo a unha orde de prioridades". Así, apuntou que as mesmas son "preservar o patrimonio, os peóns sobre os vehículos e o transporte público sobre o privado".

O rexedor municipal recordou que se tomarán "decisións de calado a longo prazo, que van implicar beneficios nuns ámbitos e prexuízos noutros". En calquera caso, dixo, será "unha elección coherente co tempo en que se toma".

Sobre os proxectos premiados resaltou que introduciron importantes "elementos de reflexión". Destacou a calidade dos deseños presentados e agradeceu o traballo de todos canto participaron no proceso, dende o xurado aos propios arquitectos.

Espazo flexible e con poucos elementos
En Raxoi estivo o gañador do concurso, o italiano Stefano Presi, quen se fixo cun premio de 12.000 euros. No seu día, o xurado elixiu por unanimidade entre 40 presentados este traballo, que definiu como unha "acertada ordenación do conxunto da praza, na que destaca o esforzo por dotala de entidade e configurar nela un amplío espazo peonil apoiándose na fachada máis idónea".

Presi resaltou que o seu é un proxecto que aposta por crear na praza un espazo "flexible e con poucos elementos". Tamén destacou a súa determinación por aproveitar a parte máis soleada da praza e pola recuperación da escala da mesma. O seu proxecto apóiase en pavimentación, espazos cubertos e lucernarios sobre o aparcadoiro". O arquitecto recoñeceu, tal como indicara o xurado no seu momento, que era preciso un estudo máis polo miúdo do tema do tráfico.

Lugar de encontro veciñal
O segundo premio, de 6.000 euros, foi para o proxecto presentado por Carlos Higinio Esteban Crespo, Xosé Ramiro Sánchez Carro e Juan José Tur Mc Glone. Os dous primeiros recolleron o galardón. A súa proposta destaca pola "concentración do espazo peonil, aínda que quizais non no espazo máis axeitado". Para o xurado resultou apreciable "a proxección dos espazos cubertos e a súa proposta formal", aínda que se formulaban dúbidas sobre a "fragmentación tan rotunda da topografía da praza".

Sobre o seu deseño, Xosé Ramiro Sánchez indicou que pretendía conseguir "un espazo simbólico para a cidade, promovendo o encontro veciñal". Ademais, reivindicou a aposta do seu equipo polo transporte público e polo uso da bicicleta.

Marina Berasategui Canals e Remko Jan Dirkmaat levaron o terceiro premio, de 3.000 euros por unha proposta radical, marcada por "un atractivo intercambiador e aparcadoiro intelixente en altura no centro da praza". O xurado definiu este deseño como "enormemente suxerinte na medida na que abre posibilidades a unha reflexión menos habitual de entender a cidade".

O alcalde resaltou a calidade deste terceiro premio, aínda que indicou que era un proxecto que tal vez se puidera ter afrontado noutra época, pero non na actual. Os arquitectos enviaron unhas verbas nas que indicaban que, no seu traballo, "o beneficio non é para os peóns, é para os cidadáns". Así, recordaron que eles apostaron por "un sistema de dársenas onde os cidadáns poden cambiar de modalidade de transporte, de privado a público, deixar o coche para entrar no casco vello en bicicleta, ou das portas do caso histórico, desprazarse por todo o Ensanche mediante bus ou taxi". O seu, din, "é un concepto honesto coa natureza do lugar.

Estes traballos foron unha boa base de partida para comisión avaliadora que emitirá as súas conclusións antes do remate de xullo. Este órgano está integrado por Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo; Bernardino Rama, concelleiro de Infraestruturas; Socorro García, concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica; Enrique Prado, xefe do Servizo de Programación e Proxección; e Javier Fernández, xefe do Servizo da Oficina de Rehabilitación. Actúa como secretaria Berta Rosón, directora da Área de Urbanismo e Infraestruturas.

Compartir: