CULTURA

O Festival dos Abrazos nace para redescubrir os espazos da cidade a través da creación artística

15/07/2008 Durante o mes de agosto Santiago acollerá o Festival dos Abrazos, unha nova e singular proposta que nace co obxectivo de converterse nun encontro paa a creación artística europea. A oferta está integrada por máis de 100 accións culturais.

O clown e o novo circo, a música, a danza, o teatro, o cinema e as artes plásticas converterán as rúas e prazas de Compostela, os seus parques e xardíns, no escenario dun abrazo entre a vangarda creativa da cidade e algunhas das máis singulares propostas culturais do mundo. En palabras da concelleira de Cultura, Socorro García Conde, "Santiago, como meta do Camiño, quere ser tamén un espazo no que interactuar en pé de igualdade coas culturas do mundo".

O Festival achega un novo modelo, "con protagonismo da cidade, pero con vocación galega e europea", apuntou o director xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta Luis Bará. "Será o símbolo do abrazo, do encontro, do diálogo e dunha forma diferente de entender a cultura", engadiu.

Organizado pola Concellaría de Cultura e pola Consellaría de Cultura, o Festival dos Abrazos ofreceralle tanto aos creadores como á sociedade un espazo no que recoñecerse e no que coñecer outras culturas a través de propostas artísticas plurais. A proposta reivindica tamén o Camiño de Santiago como o primeiro itinerario cultural de Europa e símbolo do intercambio e convivencia entre culturas.

A programación inclúe, no ámbito musical, ritmos tradicionais africanos, brasileiros, exipcios, xaponeses, hindús, sufís ou do Rajastán. Serán máis de 50 concertos, con actuacións como as da Xove Orquestra Árabe Xueda, do músico Rahis Bharti ou dos brasileiros Barbatuques. No jazz, oportunidade para escoitar a Taylor Ho Bynum, Sofá Surfers, Aki Takase ou Pekko Käppi.

As artes escénicas, nas súas modalidades de danza, animación de rúa ou clown terán unhas 30 actuacións. Derviches do Cairo amosará as danzas sufís e diversas compañías encherán de humor clown e novo circo diferentes espazos da cidade.

Tamén haberá tempo para o diálogo entre culturas e a performance, coa intervención de artistas como María Marticorena, Miguel Noguera, María Gil ou Félix Fernández. Finalmente, en Bonaval proxectaranse filmes como Día de Festa (Jacques Tatí, 1949), Plácido (Luis García Berlanga, 1961), Atrapado no tempo (Harold Ramis, 1992) ou Os amigos de Peter (Kenneth Branagh, 1992).

Direcciones relacionadas



Compartir: