ALCALDÍA

Ferradura Aberta: un espazo para a convivencia e o lecer

14/07/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou unha nova edición de Ferradura Aberta no Parque da Alameda. Ata o 24 de xullo, os composteláns máis novos teñen un espazo para a convivencia e o lecer, grazas a unha ampla gama de actividades.

Sánchez Bugallo tivo ocasión de compartir por uns instantes algunhas das actividades programadas por Ferradura Aberta. O programa desenvólvese no Paseo da Ferradura, de luns a venres e en horario de 18:00 a 21:00 horas. A participación é de libre e de balde. Só fai falta achegarse ao lugar e dirixirse ás actividades que sexan de interese para cada un.

O programa inclúe variados obradoiros para aprender e facer: cestería, construción de xogos e xoguetes, encadernación e papiroflexia. Ademais, os que o desexe, poden subir no tren turístico para facer un orixinal paseo pola Alameda e os seus espazos máis característicos.

Na Alameda tamén hai un espazo xoven deportivo, no que os participantes poden perfeccionar as habilidades nuns deportes e iniciarse noutros máis novidosos: xadrez e xogos de mesa, tiro con arco, esgrima, tenis de mesa e loitas olímpicas. Ademais, teñen a oportunidade de amosar a súa destreza aos mandos das consolas Wii.

Para os máis cativos, de 2 a 5 anos, preparouse un espazo lúdico con materiais e xoguetes axeitados, ademais dun obradoiro de plástica e dun parque infantil de tráfico.

As actividades complétanse con dúas festas infantís os días 23 e 24 de xullo, coincidindo cos dous últimos días de actividades. Estas festas para os máis pequenos terán talleres de hip hop e rap, actuacións do propios rapaces, discoteca infantil, inchables e unha merenda final.

Os pais que vaian cos seus fillos tamén contan cu un lugar. Alí coñecen as actividades propostas, conversan con outros pais ou simplemente descansan nun lugar privilexiado da cidade.

Compartir: