BENESTAR SOCIAL

Aprobado o proxecto de regulamento da Casa das Asociacións de Benestar Social

14/07/2008 O Goberno local aprobou o proxecto de regulamento da Casa das Asociacións de Benestar Social. Este novo centro municipal, que en breve se porá en marcha en Salgueiriños, proporcionará os recursos e servizos necesarios para impulsar a participación social e fomentar o asociacionismo e a coordinación interasociativa.

Tal como se di no propio proxecto, este centro dotará ao asociacionismo dun espazo común que favorecerá o desenvolvemento dos seus programas, o contacto entre as asociacións e a organización de actividades comúns. Ademais, permitirá coñecer de primeira man todas as necesidades de todas estas asociacións.

O regulamento establece os requisitos a cumprir polas asociacións usuarias do centro, as normas de utilización das instalacións e servizos dispoñibles e as actividade e programas previstas con carácter xeral. Cómpre lembrar que a Casa das Asociacións de Benestar Social contará con despachos para o persoal municipal, para as asociacións e entidades usuarias e para a atención ao público; salón de actos, biblioteca, salas de traballo, obradoiros e xuntanzas, salas de terapias e ximnasio.

En canto á organización, a Cas contará cun director e cunha comisión de coordinación integrada por representantes municipais , do Consello Municipal de Benestar Social, das asociacións usuarias, e de institucións ou organismos colaboradores de recoñecido prestixio no ámbito social. Tamén se crearán comisións de traballo cando así sexa necesario.

Equipamento
Precisamente co fin de poñer en marcha a Casa das Asociacións de Benestar Social, o Concello acordou aceptar unha subvención do Ministerio de Administracións Públicas por 57.442 euros para a equipamento deste centro. O custo total do mobiliario ascende a 287.210 euros.

Compartir: