FESTAS

Santiago reunirá este mes aos mellores ciclistas en ruta sub-23 e junior de España

11/07/2008 Os vindeiros días 12 e 26 de xullo, a cidade compostelá acollerá nas súas rúas a celebración do Campionato de España de ciclismo en ruta. Con tal motivo, o Concello brindou unha recepción aos organizadores, encabezados polo presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo. O concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, agradeceu en nome do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, a elección de Santiago como cidade acolledora das probas.

En concreto, o día 12 terá lugar a proba Fondo en Carretera sub-23 a partir das 16.00 horas, mentres que o día 26 serán os juniors, masculinos e femininos, os que desputen esta proba ás 5 da tarde. A avenida de Ferrol será a saída e o punto final de ambas.

Meta lexendaria do Camiño de Santiago, Compostela é tamén nesta ocasión meta dunha auténtica peregrinación deportiva, nunha modalidade, o ciclismo, na que por encima de todo prima o esforzo persoal, moitas veces ao límite da propia capacidade.

O Concello de Santiago contribúe con todos os seus medios a que esta competición alcance a relevancia que se merece e agradece a confianza da Federación Galega de Ciclismo.

Compartir: