ALCALDÍA

O alcalde, satisfeito polo anuncio da nova fundación mixta da Cidade da Cultura

11/07/2008 Considera "un acerto" o sistema mixto escollido, así como a designación de Juan Manuel Urgoiti, presidente do Banco Gallego, para xestionar a nova fundación, pois será "unha garantía de racionalidade e unha aposta polo éxito".

Na súa rolda de prensa semanal, Sánchez Bugallo amosouse "moi satisfeito" polo anuncio da creación da nova fundación da Cidade da Cultura que xestionará os edificios do Centro de Arte Internacional e o Escenario Obradoiro, así como pola designación do seu futuro xestor, Juan Manuel Urgoiti. Trátase dunha noticia "moi esperada polo goberno municipal" e que supón "un salto decisivo". Considera un acerto tanto o sistema mixto escollido como a persoa que xestionará a Fundación, que será "unha garantía de racionalidade e unha aposta polo éxito".

Doutra banda, o alcalde anunciou que o martes 15 de xullo o Concello acollerá un acto cos arquitectos que participaron no concurso de ideas para a Praza de Galicia, no que se procederá a explicar os proxectos presentados. O contido final do proxecto de reforma da Praza de Galicia afarase público antes de que remate o mes de xullo. O alcalde sinalou que xa hai unha proposta técnica pero que falta a "decisión política". En todo caso, as obras, "que non teñen por que ser longas nin complicadas", non comezarán antes do 2009.

Por último, o alcalde explicou que a Xunta de Goberno Local do 7 de xullo aprobou os pregos de cláusulas e o inicio do expediente para a contratación da redacción dos proxectos das obras de reurbanización dos contornos urbanos de acceso á cidade ou travesías (Avenida de Castelao; Fonte dos Concheiros-rúa das Fontiñas-rúa do Valiño; rúa Galeras-rúa das Salvadas-rúa Vista Alegre ata o cruce coa avenida de Castelao; Vista Alegre desde avenida de Castelao-Avío-Torreira ata a Ponte do Romaño; e Rosalía de Castro desde Romero Donallo-Santa Marta-Choupana-Volta do Castro). Segundo o alcalde, estas melloras transformarán e mellorarán o acceso a Santiago dun xeito extraordinario, e explicou que haberá unha serie de vías que deberán rebaixar e axustar o límite da velocidade.

Compartir: