URBANISMO

O Castiñeiriño contará con preto de 200 novas vivendas

12/07/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o acto de colocación da primeira pedra do solo urbanizable non programado número 11 do Castiñeiriño, ubicado xunto á igrexa de Fátima. Este polígono, promovido por Emuvissa, alberá un total de 196 vivendas, a maioría delas de protección oficial, ademais de zonas verdes, viario público e novas dotacións para un barrio en clara fase de expansión.

O SUNP-11, cuia construción está orzamentada en 2.659.873 euros, ocupará unha supercie total de 38.315 metros cadrados, nos que se construirán 196 vivendas das que 158 serán protexidas. Así mesmo, o polígono contará con 8.661 metros cadrados de superficie destinada a novo viario público e 12.855 para dotacións, equipamentos e zonas verdes. O prazo para a súa execución é de 9 meses.

A urbanización do polígono completarase coa instalación dunha illa selectiva de residuos urbanos, sinalización vertical e horizontal, 7.189 metros cadrados de céspede ornamental, 225 unidades de árbores e arbustos, 91 luminarias e balizas, 34 bancos, 2 fontes e 50 papeleiras. Pensando nos habitantes máis pequenos da zona instalaranse así mesmo xogos infantís.

Este polígono súmase ao SUNP-12 de Lamas de Abade, ao SUNP-14 de Tras Paxonal e ao 7 de Pontepedriña, solos xa en marcha promovidos pola Empresa Municipal de Vivenda e Solo. Na zona tamén se ubica o 13 da Carreteira da Estrada, promovido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, salientou o importante pulo que o Concello lle está a dar a esta zona da cidade, en franca expansión.

Compartir: