TURISMO

‘En Compostela 2008-2009’ recibirá aos clientes dos hoteis da cidade

08/07/2008 Como todos os anos, Turismo de Santiago edita a publicación ‘En Compostela’, unha revista de luxo que permanecerá entre 2008 e 2009 nos hoteis de categoría superior e nos mostradores dos congresos para ‘tentar’ visualmente aos visitantes da cidade.

A revista dará a benvida a turistas, congresistas e visitantes vip proporcionándolles, a través de grandes imaxes e textos breves, moitas motivacións para ‘facerse coa cidade, atopando os seus propios camiños e vivíndoa con todos os sentidos’, segundo sinalou o concelleiro de Promoción Económica e Turismo,Xosé Manuel Iglesias, na presentación da publicación.

Baixo o lema central de ‘Santiago é grande’, a revista municipal crece a un formato de 30x30 cm e viste con tapas duras as súas 160 páxinas impresas a toda cor e en versión trilingüe (galego, castelán e inglés).

Arquitectura contemporánea e tradicional, xardíns florecidos, compras e gastronomía son algúns dos recursos aos que apela a publicación, dun xeito moi gráfico, para ‘enganchar’ dunha primeira ollada ao lector. Como temas curiosos, destacan a participación de varios composteláns revelando os seus recunchos favoritos; unha proposta cronometrada para vivir o día con intensidade e un tema dedicado á choiva en Compostela.

A gastronomía centra máis de 25 páxinas da revista, con compras para gourmets, a presencia de elementos gastronómicos no patrimonio urbano e un calendario anual de actividades saborosas, que van desde o Fórum Gastronómico ata o concurso de tapas e as visitas guiadas ao mercado.

E para non esquecer que Santiago é tamén porta de entrada ao resto do país galego, ‘En Compostela’ asómase aos xardíns históricos de Oca e Ortigueira, aínda que tamén propón o pracer da cor local de cada temporada na vexetación compostelá.

Os textos da revista foron integramente elaborados polo propio persoal de Turismo de Santiago para acompañar ás fotografías de Martín Rendo, Anxo Iglesias, Juan Balsa e Matías Ascariz, nun deseño de RM Comunicación.

Compartir: