PSICOLOXÍA

Santiago acolle un curso de verán no que se ensina a transmitir malas novas

08/07/2008 Os participantes do curso "Como transmitir malas noticias. Aspectos psicolóxicos, clínicos e ético-xurídicos" foron recibidos no día de hoxe polos representantes municipais. Profesionais de diversos ámbitos atópanse en Santiago para asistir a este curso de verán que organiza a Facultade de Psicoloxía.

A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, agradeceu aos participantes no nome do alcalde a elección de Santiago para realizar o curso e, na súa calidade de psicóloga, salientou a importancia de estar preparados para comunicar unha noticia tan delicada como pode ser a morte dun familiar. Pola súa banda, os organizadores do curso quixeron agradecer a hospitalidade do Concello.

A transmisión dunha mala nova é algo ao que todos nos podemos enfrentar nalgún momento da vida, sen embargo hai sectores que o teñen que facer máis a miúdo como os profesionais da saúde, policías, bombeiros ou os propios psicólogos. A todos eles está dirixido este curso, no que se poñerán sobre a mesa os protocolos establecidos pola OMS para dar a coñecer malas novas.

Trátase dun tema no que o Concello está implicado: o pasado 17 de xuño, a Concellaría de Educación organizou, xunto coa asociación Stop Accidentes, un curso destinado a persoal dos servizos de seguridade (Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, Cruz Vermella, Urxencias Sanitarias de Galicia, Policía Nacional e outros profesionais) no que se lles ensinaron as pautas de conduta a seguir diante dun accidente de circulación con vítimas e a importancia de comunicar a mala nova aos familiares nas condicións adecuadas.

Compartir: