NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Os máis pequenos aprenderán as tarefas dunha granxa mentres se desenvolven en galego

08/07/2008 A Concellaría de Normalización Lingüística, dirixida por Guadalupe Rodríguez, vén de poñer en marcha unha iniciativa novidosa: facer que os nenos se expresen en galego ao tempo que coñecen o funcionamento dunha granxa ou se inician nas tarefas propias dunha horta ou dun invernadoiro. Todo isto poderán facelo na granxa escola campamento da Fervenza do Toxa, en Silleda.

25 rapaces, de idades comprendidas entre os 8 e os 11 anos, poderán desfrutar deste programa, que se desenvolverá do 1 ao 13 de agosto. As inscricións terán que realizarse no Rexistro Xeral do Concello do 9 ao 19 de xullo e terán prioridade os empadroados no Concello de Santiago. No caso de haber máis solicitudes que prazas ofertadas realizarase un sorteo diante do secretario da Administración municipal.

Serán 13 intensos repletos de actividades de granxa, horta e invernadoiros, forno, talleres, excursións e xogos, que se desenvolverán en galego. Posto que están nunha granxa-escola, terán grande relevancia as actividades con animais, o que lles permitirá coñecer as diferentes especies que viven na granxa, o seu coidado e características, así como a súa achega á vida das persoas.

Neste campamento tamén aprenderán a traballar a horta e o xardín, coñecendas as especies que se cultivan, os apeiros de labranza e os coidados necesarios como a compostaxe, a fertilización ou o coñecemento de enfermidades e pragas.

Haberá tempo para os obradoiros de artesanía, de transformación de alimentos e, tamén para os de contido lingüístico, onde refelexionarán e tratarán de superar os prexuízos que arredor da lingua vaian xurdindo. O prezo da inscrición é de 40 euros.

Documentos relacionados



Compartir: