PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica organiza o 9 de xullo unha conferencia sobre I+D destinada a empresarios

07/07/2008 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, organiza, o mércores, 9 de xullo, ás 20.00 horas, no Centro Empresarial, unha conferencia gratuÍta sobre investigación e desenvolvemento, na que tamén colabora a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre (AEPIT).

A ponencia será impartida polo Director Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria, Don Salustiano Mato de la Iglesia, baixo o título "As oportunidades do Plan Galego de I+D+I e o papel dos parques empresariais. O caso concreto do Polígono Empresarial do Tambre". Ten como obxectivo potenciar o intercambio de relacións entre as empresas de Santiago e achegarlles, de primeira man, as liñas de actuación da Xunta de Galicia en desenvolvemento empresarial e innovación.

Esta ponencia enmárcase na Rede de Cooperación Local e é a terceira conferencia programada nesta edición da RCL. As outras dúas celebráronse en maio. A primeira ponencia foi impartida por Don Antonio González Seoane, Coordinador de Sistemas e dos Portais da Internacionalización By Galicia e Galicia PMS da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia da Xunta de Galicia. Na segunda, presentouse ante a AEPIT, Em-Rede, a Rede de Iniciativas Empresariais de Compostela e Comarca, unha asociación composta por empresas nacidas a partires do programa Equal Compostela Social. Ademáis, as/os asociadas/os a Em-Rede coñeceron da man de D. Miguel García Rey, director da Oficina de Caixa Galicia do Polígono Industrial do Tambre, os productos que esta entidade oferta á empresa.

A Rede de Cooperación Local posta en marcha no ano 2004 pola Concellaría de Promoción Económica, ten como obxectivo favorecer a competitvidade e a innovación do tecido industrial de Compostela a través da colaboración entre o mundo empresarial, as institucións e a Universidade de Santiago. Cofinancida pola Fundación Caixa Galicia, coa RCL colaboran, ademáis, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre e a USC.

Compartir: