ALCALDÍA

Vía libre á construción do Museo de Historia Natural na Finca Vista Alegre

03/07/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que a Xunta de Goberno do 7 de xullo aprobará a modificación puntual do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica no ámbito do Parque Universitario de Vista Alegre. Este cambio permitirá que o Consorcio constrúa o futuro Museo de Historia Natural "Luís Iglesias".

Segundo explicou Sánchez Bugallo, "tivemos que aumentar un pouquiño o volume edificable", xa que se prevé un inmoble algo máis grande do inicialmente previsto. Así, levantarase un edificio sobre unha superficie construída de 4.300 metros cadrados, de cuxo deseño se encargará o arquitecto César Portela.

A previsión do alcalde é que as obras poidan comezar na primavera de 2009 e estean rematadas nun prazo aproximado de dous anos. O orzamento da actuación, máis de 3,6 millóns de euros, será asumido polo Consorcio de Santiago, que cederá o uso do edificio posteriormente á USC.

Este será o último dos edificios que se construirá na Finca de Vista Alegre uníndose así aos catro xa existentes: Casa de Europa, Centro de Estudios Avanzados, Escola de Altos Estudios Musicais e Sede Social da SGAE en Galicia. Rematado o Museo de Historia Natural, a Finca de Vista Alegre quedará cunha superficie ocupada por edificios duns 4.122 metros cadrados e 32.000 metros cadrados de parque.

Reunións en Madrid e primeira pedra do Sunp-11
Na súa rolda de prensa semanal, o alcalde aproveitou para anunciar as xuntanzas que manterá o mércores 9 de xullo en Madrid en varios ministerios. Adiantou que un dos temas que se tratarán será o da nova depuradora.

Tamén indicou que o sábado 12 de xullo se porá a primeira pedra do Sunp-11 do Castiñeiriño. Neste polígono promovido por EMUVISSA construiranse 198 vivendas protexidas.

Aeroporto
Preguntado pola situación do aeroporto e do tráfico aéreo, Sánchez Bugallo indicou que "todos somos conscientes de que estamos nun escenario complexo pola situación económica e a subida dos carburantes". Así, recalcou que "non temos un problema de aeroportos, senón de servizos compañías aéreas de capital privado e en proceso de cambios accionariais". Fronte a este panorama, dixo, "seguimos apostando pola diversificación".

Documentos relacionados



Compartir: