CONSORCIO

A Comisión Executiva do Consorcio aproba o pagamento de máis de 2 millóns de euros para a expropiación da Casa do Cabildo

02/07/2008 A Comisión Executiva do Consorcio, presidida polo alcalde e presidente do organismo, Xosé A. Sánchez Bugallo, aprobou o pagamento para a expropiación da Casa do Cabildo por un total de 2.289.170 euros.

Na valoración, determinada por unha comisión pericial de expertos, competente para valorar os bens de carácter monumental, tívose en conta non só a valoración material do inmoble, senón a categoría urbana e monumental da fachada, unha obra do arquitecto Clemente Fernández Sarela do século XVIII.

Os membros da Comisión analizaron tamén os termos dunha nova normativa para o programa de axudas de Mantemento de Edificios. Esta recolle nun único marco a totalidade das tarefas de conservación cun horizonte máis amplo que o actual, que se refire a un período de catro anos.

O modelo elixido neste programa que se pretende implantar foi o de tipificar as intervencións de mantemento nun edificio ao longo dun ciclo de 12 anos, cuantificando en prezos actuais o custo dos traballos para fixar posteriormente unha porcentaxe subvencionable. Deste xeito planifícase un traballo de mantemento para a totalidade dos edificios da Cidade Histórica, introducindo na conciencia dos propietarios de inmobles unha cultura de conservación que garanta o futuro da cidade de Santiago.

Finalmente, entre outros asuntos de trámite, aprobáronse dúas subvencións de rehabilitación de elementos singulares de madeira por importe de 6.328 euros e catro subvencións de rehabilitación de edificios e vivendas por un importe total de 41.068 euros.

Compartir: