CULTURA

O barrio do Ensanche acolle a súa primeira Festa Cidadá

01/07/2008 Presentouse na Praza Roxa a primeira Festa Cidadá do Ensanche, que se celebrará o sábado 5 de xullo ao logo de toda a xornada. No acto estiveron presentes a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, o presidente da Asociación de Veciños Raigame, Xaquín Mato, e o secretario da Fundación Santiago Centro, Delmiro Prieto.

Socorro García recalcou no acto de presentación da Festa a relevancia do barrio do Ensanche, un dos máis poboados da cidade, que pretende con actos coma este "acadar unha vida cultural propia, cunha oferta de lecer rica para os veciños e veciñas da zona e atractiva para os turistas". Asemade, coa Festa Cidadá do 5 de xullo a actividade cultural sairá á rúa.

Xaquín Mato relatou brevemente os actos que se van celebrar ao longo do sábado 5 de xullo, nunha festa que nace froito da colaboración da Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, a Asociación de Veciños Raigame e a Fundación Santiago Centro Área Comercial.

A xornada iníciase ás 11:00 horas con pasarrúas de gaiteiros a cargo da Agrupación Colexiata do Sar. Pola mañá celebraranse tamén talleres de creatividade para nenos e nenas e xogos na rúa, así como unha actuación de baile galego. Xa pola tarde, ademais dos pasarrúas, haberá unha festa de xadrez e unha actuación musical de voces novas do Ensanche. Xa contra a noite poderanse ver as estrelas dende a Praza Roxa co acto Astronomía na beirarúa.

Compartir: