XUVENTUDE

Xuventude programa diversas ctividades acuáticas e de aventura para o verán

01/07/2008 A Concellería de Xuventude pon en marcha Veránxoven’08, un programa de actividades de tempo libre para o mes de xullo destinado aos mozos de Compostela. O máis novidoso da proposta é que a oferta se centra en accións vinculadas á aventura e á auga, polo que se desenvolverán fóra da propia cidade.

O programa, presentado polo concelleiro de Xuventude, Xosé Baqueiro, inclúe actividades dun día e outras de varias xornadas. Entre as primeiras está previsto un curso de iniciación en piragua (Rianxo, 16 de xullo); actividades acuáticas (Rianxo, 28 de xullo); unha combinada de actividades (Rianxo, Boiro, Pobra do Caramiñal e Ribeira, 15 de xullo); unha ruta en canoa (Rianxo, Boiro e Ribeira, 17 de xullo); e outdoor-training (Xirimbao e contornos de Boiro, 29 de xullo). Cada programa, cun número máximo de 20 participantes, está dirixido a distintos grupos de idade.

Do venres 11 ao domingo 13 de xullo realizarase o Campus Aldea da Gaia (Rianxo). Trátase dunha acampada de fin de semana arredor dun centro de interese do mundo viquingo, con actividades como construción de arcos, dianas, catapultas, ruta en canoa, rafting e barranco. Participarán rapaces de 13 a 16 anos e o prezo é de 120 euros, incluíndo pensión completa, monitores e desprazamento.

Finalmente, programouse un campamento de seis días no camping de Rianxo, con diferentes actividades de aventura e de goce dos espazos naturais. Será do 18 ao 23 de xullo e está dirixido a rapaces de entre 17 e 20 anos. A cota de inscrición é de 180 euros.

O prazo de pre-inscrición estará aberto ata o 4 de xullo. As fichas deberán entregarse no Rexistro Xeral do concello de 9:00 a 14:00 horas. No caso de que houbera máis solicitantes que prazas ofertadas realizarase un sorteo público. Se ao remate dos prazos de pre-inscrición houbera prazas libres, ampliaríase o prazo.

Unha vez confirmada a praza pola Concellería de Mocidade, deberase ingresar a correspondente cota no número de conta do Banco Santander 0049 5404 21 2810001186. Cómpre recordar que todas estas actividades están subvencionadas entre 55% e o 60% do seu custo.

Actividades formativas
A oferta de aventura complétase con outra formativa a desenvolver no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche. Programáronse tres talleres: fotografía co móbil (do 7 ao 9 de xullo), creación de blogs (do 14 ao 16 de xullo) e creación de foros (do 21 ao 23 de xullo). Todos os obradoiros están destinados a mozos e mozas a partir de 15 anos. Cada un deles terá un numero máximo de 10 participantes e a inscrición realizarase no propio Centro.

Compartir: