EDUCACIÓN

Douscentos rapaces aprenden inglés dun xeito lúdico na Escola de Verán de Inglés

01/07/2008 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, inaugurou no IES Rosalía de Castro unha nova edición da Escola Municipal de Verán de Inglés. Abrirá as súas portas durante todo mes de xullo, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Uns 200 alumnos de 6 a 15 anos participan nesta Escola, na que se coxuga aprendizaxe e lecer. Os rapaces poden así consolidar o inglés aprendido durante o curso escolar e mellorar a súa competencia co idioma. Do éxito do programa fala o feito de que moitos dos alumnos de 2008 repitan participación, segundo indicou a concelleira.

Os rapaces están organizados en grupos en función da idade e do seu nivel de inglés. Todos eles acoden ás clases coa mochila que se lles entregou, ademais dunha caperta, dun lapis, dos contidos do curso e de diversa documentación.

O curso está estruturado en cinco centros de interese, cunha temática distinta para cada semana. Os hábitos culturais de Londres e Santiago, a natureza e o medio ambiente, os Xogos Olímpicos, o mundo dos soños e as comidas dos diferentes países serán os fíos condutores das actividades.

A primeira hora e media da mañá está destinada á conversa en inglés, para pasar logo a desenvolver diversas actividades en inglés, como pintura, cociña, lectura, música ou elaboración de libros, entre outras. E xa para rematar a mañá, tempo de ocio en inglés, con saídas pola cidade, buscas do tesouro, xogos tradicionais, manualidades, reciclaxe ou conta contos.

Compartir: