URBANISMO

Vía libre ao parque científico e tecnolóxico máis importante de Galicia

28/06/2008 A Xunta de Goberno Local do 30 de xuño daralle o visto bo á nova aprobación inicial do plan de desenvolvemento do solo urbanizable non programado número 32 de Monte Medorra-Bando, onde se construirá o parque tecnolóxico e científico de San Marcos. Suporá a posta en marcha dun plan mellorado do que o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicaron en rolda de prensa as principais características.

En verbas do rexedor compostelán, trátase dun polígono de gran calidade cunha superficie que ronda o medio millón de metros cadrados (487.761). e que conta cun orzamento de 18 millóns de euros para as obras de urbanización e de preto de 9 para a expropiación de terreos. En total, o custo global do polígono ascede segundo as previsións municipais a 30 millóns de euros.

O aproveitamento lucrativo queda fixado do en 219.351 metros cadrados, o que supón unha reducción de case 50.000 metros cadrados con respecto ao previsto no Plan Xeral anterior (é dicir, a edificabilidade estaría entorno aos 0,45 metros cadrados por metro cadrado de terreo). Isto débese á necesidade de cumprir coas determinacións da Dirección Xeral de Patrimonio, que obriga a gardar dúas franxas de protección. A primera delas materialízase na creación dunha liña de 30 metros de protección a cada lado do Camiño Francés, que trancorrería por un parque público composto por preto de 100.000 metros cadrados de zona verde. Tamén se establece no trazado antigo (en paralelo á estrada de Lugo) outra franxa de protección que obriga á retranquear a construción en 30 metros. Tratarísase esta da primeira fase do plan, xa que o novo Plan Xeral prevé unha posible ampliación do parque a 900.000 metros.

Estas directrices, lonxe de minorar a calidade do polígono, servirán, segundo o alcalde, para darlle maior categoría e uns altos niveis de calidade, que se suman a un magnífico emprazamento. Como salienta a concelleira de Urbanismo, trataríase do único parque en Galicia con estas características. Contaría con tres áreas diferenciadas: unha dedicada a I+D, unha segunda para a biotecnoloxía e unha terceira para o ámbito audiovisual.

Debido a todo o anterior o prezo das parcelas útiles urbanizadas rondaría os 130 euros por metro cadrado, pero o Concello realizará os trámites necesarios para acollerse ás subvencións do Ministerio de Industria e reducir así este custo inicial. O propio Ministerio xa manifestou a súa intención de colaborar economicamente.

Comezo das obras en 2010
A previsión municipal é a de comezar coas obras en 2010, aínda que se fará todo o posible para acortar prazos e rematar canto antes un polígono polo que xa manifestaron interese preto de 30 empresas.

Unha vez aprobado o proxecto novamente de forma incial pola Xunta de Goberno (trámite motivado polos documentados achegados polo IGVS-xestor do parque- e a Direccións Xeral de Patrimonio) o plan someterase a información pública , volverá a Patrimonio e solicitaranse os pertinentes informes dos demais organismos implicados.

Así mesmo, o alcalde anunciou a creación dunha especie de consorcio que será a entidade promotora do devandito parque e estará integrada pola Consellería de Industria, a de Vivenda, o Concello e a Universidade. Xa están preparados os correspondentes estatutos para que este organismo se constitúa canto antes e comece a traballar na implantación das empresas.

Compartir: