DEPORTES

O deporte e a cultura únense na inauguración da Compostela Cup do Camiño 2008

27/06/2008 O deporte e a cultura confluíron nun espectáculo no acto de inauguración da Compostela Cup do Camiño 2008 –Torneo Internacional organizado pola Fundación Compostela Deporte co patrocinio de Xacobeo e Caixanova-, celebrado na Praza do Obradoiro. Neste evento déronse cita os símbolos máis importantes da identidade e do folclore galegos coa presenza da Asociación Cantigas e Agarimos, así como exhibicións deportivas con campións de España e de Galicia de loita grecorromana e loita libre olímpica, da Asociación de Esgrima Compostelá. Tamén se contou coa presenza do ciclista de Teo que milita no Karpin Galicia, Ezequiel Mosquera, e do atleta compostelá Pedro Nimo.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, foi o encargado de dar por aberta a competición. Na súa intervención, referiuse aos lazos entre o Camiño e o Deporte, por canto a realización da rota esixe unha preparación física, e salientou a importancia do Camiño como espazo de encontro e para compartir. Tamén o subdirector xeral de Ordenación do Turismo da Consellería de Innovación e Turismo, Xabier Valiño, falou de valores comúns como "a amizade e a superación persoal".

Uníronse a este acto o concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, e representantes das entidades patrocinadoras como Marcial Rodríguez, da Sociedade Xestora do Plan Xacobeo, e Jorge Santos, de Caixanova. Asistiron igualmente outras autoridades dos concellos que acolleron o torneo nas súas fases previas, dos representantes das entidades que forman parte do Padroado da Fundación, das federacións galegas e doutras entidades colaboradoras.

Loita, esgrima e baile
A exhibición de loita, un dos deportes máis antigos do mundo, contou coa presenza do campión galego desta especialidade, Hugo Vázquez; do varias veces campión de España junior de loita libre olímpica José Luís Puentes e Eliseo Permuy e do campión de España cadete e junior, Luís Garnil.

A Praza do Obradoiro tamén serviu de escenario para o desenvolvemento dunha exhibición de esgrima, o único deporte olímpico de orixe española, na que Alberto Míguez, monitor de esgrima da Universidade de Santiago (USC); Xosé Piñeiro, monitor e coordinador da Escola de Esgrima da USC e presidente da Asociación Compostela Esgrima, e José Goás, monitor de esgrima en Lugo, amosaron como era a loita con sables navais hai un par de séculos.

A Asociación Cantigas e Agarimos, unha das máis antigas de Galicia, con máis de 75 anos de historia recuperando e transmitindo a cultura tradicional da nosa terra máis aló das súas fronteiras, interpretou varias pezas coa actuación de tres dos grupos da súa Escola. Finalmente, o ciclista de Teo que milita no Karpin Galicia, Ezequiel Mosquera, relevou ao atleta compostelán Pedro Nimo, como portador do facho co que se acendeu o piveteiro.

Transmisión de valores
Os símbolos deportivos, culturais e universais exhibidos na Praza do Obradoiro son símbolos que caracterizan á Compostela Cup do Camiño, a Santiago e ás rutas que se seguen dende hai séculos, ata chegar ao núcleo histórico, cultural e de referencia universal que é a cidade de Santiago. A Compostela Cup do Camiño ten a finalidade de unir o Deporte e o Camiño de Santiago. En palabras de Ezequiel Mosquera, este evento ten como filosofía "o fomento do deporte de base e dos valores como a solidariedade, o esforzo, o traballo en equipo, a tolerancia ou o sacrificio". Están a participar milleiros de deportistas galegos, españois e estranxeiros, pertencentes a máis de catrocentos equipos, que ata o 6 de xullo compartirán xogos, experiencias e cultura.

A competición abrangue as modalidades deportivas de: atletismo en pista e ruta, balonmán, baloncesto, ciclismo, fútbol e fútbol sala. Tamén hai outras actividades complementarias de participación aberta, con exhibicións doutras disciplinas deportivas como a loita, a esgrima o tenis de mesa e o xadrez, para promover a súa práctica.

Compartir: