TURISMO

O Concurso de Curtas de Curtocircuíto recibe 2.264 curtas procedentes de 86 países

27/06/2008 O prazo de inscrición no Concurso Internacional de Curtametraxes de Curtocircuíto, unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e da Concellaría de Cultura ampliouse unha semana. A nova data límite é o venres 4 de xullo.

O interese de curtametraxistas de todo o mundo por participar na V edición de Curtocircuíto levou á organización a ampliar o prazo nunha semana. Ata 2.264 curtas de 86 países xa están inscritas no certame. Un comité de selección elixirá máis dun centenar de traballos que serán proxectados durante a Semana Oficial do Festival, entre o 17 e o 24 de outubro.

Catro xurados, compostos por profesionais internacionais da curtametraxe, decidirán os gañadores dos oito premios, que se outorgarán na Cerimonia de Clausura que pechará a V edición de Curtocircuíto o 24 de outubro.

As curtas que non cheguen a tempo de inscribirse no Concurso, teñen ata o 24 de xullo para rexistrarse a través de www.shortfilmdepot.com e formar parte do catálogo do III Mercado Internacional de Curtametraxes de Curtocircuíto, que estará á disposición de todos os profesionais asistentes.

A seguinte cita na axenda de actividades do Festival é Curtocircuíto na Rúa, as proxección ao aire libre dos xoves de xullo e agosto. Todas as datas e horarios de Curtocircuíto poden atoparse na web do Festival: www.curtocircuito.org

Compartir: