DESENVOLVEMENTO SUSTENTÁBEL

Santiago únese á Rede Galega de Concellos pola Sustentabilidade

26/06/2008 O Concello de Santiago ten manifestado a través das súas políticas o seu compromiso coa sustentabilidade. Nesta liña, o Pleno da Corporación municipal aprobou por unanimidade a solicitude de adhesión da nosa cidade á Rede Galega de Concellos pola Sustentabilidade.

O cumprimento dos requisitos desta Rede esixe unha declaración municipal de implantación de políticas municipais encamiñadas a acceder á sustentabilidade, a organización dunha comisión técnica de seguimento e fomentar canles estables de participación cidadá, ademais do compromiso coa organización e mantemento dos foros de participación da Axenda 21 Local. O Pleno tamén acordou propor ao alcalde e como suplente á concelleira de Medio Ambiente como representantes do Concello na Asemblea Xeral da Rede.

Adhesión á rede de cidades "A España Verde"
O Pleno tamén aprobou outra adhesión, neste caso á rede de cidades "A España Verde", na que colaboran as comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi. As cidades da Coruña, Avilés, Gijón, San Sebastián e Santiago de Compostela manifestaron o seu interese por cooperar e promover o turismo urbano e cultural a través desta rede, e en presentar proxectos e propostas comúns ante as Administracións Públicas.

Compartir: