ALCALDÍA

A bandeira branca contra a droga percorreu as rúas do casco histórico

26/06/2008 Unha marcha de relevos portando a bandeira branca contra a droga percorreu as rúas do casco histórico, no marco das actividades programadas pola Fundación Galega contra o Narcotráfico con motivo da celebración do Día internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas. O alcalde compostelán recibiu a bandeira ao remate da marcha na praza da Quintana.

A marcha partira da praza do Obradoiro, onde antes se deu lectura a un manifesto contra o narcotráfico. No mesmo, o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, José Manuel Siso, alertou contra a permisividade social cara o consumo dalgunhas substancias coma o cannabis ou sobre o aumento do consumo doutras como a cocaína e a idades cada vez máis novas.

Siso fixo un chamamento á sensibilización da sociedade. Así e apelando aos éxitos da selección española de fútbol, afirmou que "a bandeira dos panos brancos ten que impregnarnos de esperanza e de ilusión, porque se queremos, podemos".

Rematada a marcha a praza da Quintana acolleu o I Torneo de Baloncesto "Canastras contra a Droga". Despois, analizouse en rolda de prensa a situación actual do narcotráfico e do consumo de drogas en Galicia. Os actos remataron cunha solta de globos brancos e coa entrega de trofeos aos gañadores e agasallos conmemorativos.

Compartir: