FESTAS

Carlos Baute, Caetano Veloso, Mala Rodríguez ou Amaral, primeiros nomes confirmados das Festas do Apóstolo

25/06/2008 O concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, anunciou un avance do programa das Festas do Apóstol, que se celebrarán entre o 18 e o 31 de xullo. Carlos Baute, Caetano Veloso, Mala Rodríguez, Milladoiro, Amaral ou Loreena Mckennitt son algúns dos nomes xa confirmados.

"Un cartel de gran calidade". Así definiu Baqueiro a lista de artistas que pasarán por Santiago, "artistas de recoñecido prestixio internacional". E malia que aínda non se coñece o nome do pregoeiro, si adiantou o concelleiro que será o venezolano Carlos Baute quen abra musicalmente as festas o 18 de xullo nun concerto de balde tras o pregón.

Despois chegarán outros como The ten tenors (19 de xullo), Caetano Veloso (día 21), Mala Rodríguez e a Original Jazz Orquestra Taller de Músics (día 24), Milladoiro (día 25), Toquinho e Maria Creuza (día 26); Amaral (día 29) e Loreena Mckennitt (día 30).

A estas actuacións uniranse outras como a de Bassekou Kouyate & Ngoni Ba (día 22), incluída, xunto con Milladoiro e Mala, no Compostela Féstival, con entrada de balde. Tamén será gratuíto o espectáculo "Cuba el musical. Historia de la música cubana" (día 28) e o Tributo a Rolling Stones (día 31).

Cartel por pechar
Estes son só algúns dos nomes previstos para un cartel aínda sen pechar, que inclúe tamén o programa de música latina Noites na Alameda, actuacións no Campus Sur e os concertos de "Ata o mencer", o 31 de xullo.

Tampouco faltarán no cartel deste 2008, os tradicionais Fogos do Apóstolo, adxudicados este ano á empresa Caballer, e eventos como o Día do Traxe, as Xornadas de Folclore, o Campionato de Chave, Música no Toural ou a Exposicion de coches Antiguos, ademais dos actos programadados na V edición de Curtocircuíto.

O orzamento das Festas ascende a 1,2 millóns de euros. A achega municipal é de 466.000 euros e o Consorcio de Santiago contribue con 245.000 euros financiando os fogos do 24 e do 31 de xullo. O resto do presuposto procederá de patrocinadores e dos ingresos nos despachos de billetes.

Compartir: