MEDIO AMBIENTE

Unha invitación a descubrir o Sarela de ponte a ponte

25/06/2008 A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel, Elvira Cienfuegos, acompañada de Paula Piñeiro, xerente de Aquagest en Santiago, presentou en rolda de prensa o roteiro De ponte a ponte, polo río Sarela, que será divulgado a través dun folleto despregable. O roteiro e o folleto son froito da colaboración entre a Concellaría do Medio Ambiente e a empresa Aquagest, empresa concesionaria da rede de abastecemento de augas do municipio.

Elvira Cienfuegos indicou que "o termo municipal de Santiago é prodigo en ríos e regatos" pero "son dous ríos urbanos por excelencia" e de aí "ven o dito: entre o Sar e o Sarela, Santiago de Compostela". Ao que engadiu que "sen dúbida a historia económica da cidade está profundamente ligada ao río Sarela, que conserva as pegadas dos usos que tivo ao longo do tempo" que agora con este roteiro "pretendemos difundir.

A concelleira mostrou aos medios presentes que o folleto divulgativo do roteiro De ponte a ponte, polo Río Sarela ten un formato de despregable, sendo posible ir abrindo o folleto por cada unha das etapas do percurso pola ribeira do río. Alén dun mapa de conxunto, que permite situar cada unha das etapas e tamén ao Sarela ao respeito da trama urbana da cidade, o despregable conta cunha breve descrición e un mapa en detalle de cada fase do camiño, ademais de pontos de interese en cada tramo (pontes, lavadoiros, muíños, curtidorías,...)

Unha ferramenta para coñecer o río Sarela
O folleto presentado pretende, por tanto, funcionar como unha ferramenta que convide a achegarse ao río e que axude a ampliar o seu coñecemento. O roteiro proposto son 7,5 km divididos en oito etapas máis unha etapa introdutoria. As nove partes do percurso están perfeitamente definidas no despregable no que, alén dos mapas e fotos, tamén se pode coñecer a distancia a percorrer en cada unha das mesmas. As nove etapas propostas están definidas en función das principais pontes que atravesan o Sarela.

En palabras de Elvira Cienfuegos, "con esta división en diferentes tramos tentamos que calquera persoa poda deseñar os seus itinerarios" en función "da dispoñibilidade de tempo, da época do ano, ou simplemente en función do que lle apeteza a cada quen ese día, un paseo máis urbano ou un paseo por tramos máis naturais".

No total serán máis de 10.000 folletos os que se distribuirán por toda a cidade, especialmente a través da rede de centros socioculturais do Concello de Santiago e dende o Centro de Interpretación de Parques e Xardíns situado no Parque da Alameda.

Compartir: