BENESTAR SOCIAL

Benestar Social atendeu case 10.000 demandas e xestionou máis de 2.000 prestacións en 2007

25/06/2008 A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, presentou a memoria da Concellería de Benestar Social correspondente ao 2007. Neste período, o departamento atendeu 9.654 demandas a través dos seus Puntos de Atención de Servizos Sociais, situados no Centro de Servizos Sociais, en Galeras, e nos centros socioculturais de Vite, Conxo, Fontiñas, A Trisca e O Ensanche.

Do total, a maioría de usuarios (o 43,2%) demandaban información ou orientación. Séguenlle en importancia a demanda de recursos complementarios para coberturas de necesidades de subsistencia (34,50%); de prestacións e apoio á unidade convivencial e de axuda no fogar (10,1%); de prestacións de prevención e inserción social (6,69%); e de prestacións e actuacións de aloxamento alternativo (5,46%).

Moitas destas solicitudes de intervención derivaron na concesión e trámite de prestacións de carácter social. Así, no 2007, Benestar Social concedeu 1.133 prestacións de ámbito municipal e xestionou outras 1.103 de ámbito autonómico. Isto supuxo unha xeración de prestacións por un importe de 4.916.426 euros.

O perfil tipo do usuario que demanda prestacións é o dunha muller adulta, casada, pensionista ou en situación de desemprego sen remunerar, de nacionalidade española, demandante de información sobre prestacións e recursos sociais e cun déficit na integración no eido social e comunitario.

Entre os programas realizados polo departamento, seguen a destacar algúns como o Servizo de Axuda no Fogar, grazas ao cal foron atendidas 142 persoas en 2007, o que supón un incremento porcentual do 23,94 % con respecto aos usuarios de 2006. O perfil do usuario deste servizo é unha muller viúva que accede ao servizo por razón do seu envellecemento, vive soa, é pensionista, obtén o servizo de xeito gratuíto e precisa atencións de carácter doméstico e persoal. Outro tipo de atención, a do Servizo de Teleasistencia Domiciliaria, pasou de 114 a 179 beneficiarios no último exercicio.

Intervención coas familias
En canto ao programa "Ruptura de parella, non de familia", participaron 42 adultos e 41 menores. Ademais, na modalidade breve do programa realizáronse 722 intervencións, entre individuais y telefónicas. Traballouse de forma individual con 68 usuarios, realizáronse labores de intermediación entre proxenitores ou familia extensa, co fin de eliminar ou minimizar o conflito entre eles.

O Programa de Intervención Familiar atendeu a 43 familias e a 180 usuarios en 2007. Outros programas a destacar foron os de educación de rúa, de aloxamento a persoas sen teito, para a prevención e integración social e vivenda ou para o acollemento temporal en vivendas municipais, ademais da aplicación do Plan de Inclusión Social de Galicia, en colaboración coa Xunta. Ao peche da memoria, 325 persoas estaban dadas de alta neste Plan.

Cara o futuro, Mar Martín fixou como prioridade converter os Puntos de Atención de Servizos Sociais en "referentes da dinamización social" e potenciar a atención aos menores e á familia, coa xa creada unidade de atención específica. Neste campo, insistirase na actuación na escola, con programas en ámbitos como os comedores, que a concelleira considera "espazos axeitados de socialización e integración". Tamén estableceu como obxectivo a modernización dos trámites.

Documentos relacionados



Compartir: