TURISMO

Compostela inicia este outono a súa promoción turística en China e Xapón

07/09/2005 Turismo de Santiago emprenderá este outono accións de comercialización turística que ‘venderán’ a imaxe da cidade por vez primeira en mercados como China e Xapón, e afianzará a súa posición noutros mercados máis maduros, como Alemaña e o Reino Unido, coa colaboración de Turespaña, Turgalicia e o grupo Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas.

O intenso calendario de eventos turísticos nacionais e internacionais para os vindeiros meses foi presentado polo concelleiro de Turismo, Francisco Candela, o xerente da empresa municipal Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, e a xefa da área de Promoción, Flavia Ramil.

No listado de presentacións destacan dúas grandes liñas de acción: por unha parte, o ‘desembarco’ da cidade en mercados emerxentes como China, Xapón, Brasil e Estados Unidos; e, por outra, a presencia en mercados máis maduros, como Alemaña e Inglaterra, que son, ademais, os destinos das novas conexións aéreas incorporadas en 2005 ao aeroporto de Lavacolla.

As presentacións en China cobran especial relevancia se se ten en conta as previsións da Organización Mundial de Turismo, segundo as cales ese país se converterá en apenas 5 anos no terceiro emisor mundial con preto de 135 millóns anuais de viaxeiros. Co ánimo de captar unha cota dese prometedor mercado, Compostela tomará parte nas Xornadas de Comercialización de Turespaña nas cidades de Pekín, Cantón e Shanghai, que terán lugar entre o 11 e o 18 de setembro,

A este evento seguirá entre os días 25 de setembro e 2 de outubro a presencia do concelleiro de Turismo e representantes de Turismo de Santiago en Qu Fu, Cidade Patrimonio da Humanidade que é actualmente obxecto do programa comunitario de revalorización turística ASIA Urbs Heritage da Comunidade Europea, liderado por Santiago de Compostela e Rennes.

Así mesmo, entre o 22 e o 26 de setembro celebrarase en Tokío a feira JATA de turismo e, paralelamente, a Expo de Aichi, que este ano escolleu o día 22 como ‘Día do Turismo Español’. Turismo de Santiago aproveitará esta oportunidade promocional para sortear unha viaxe a Compostela entre os asistentes.

Accións en Inglaterra e Alemaña
As accións de comercialización continuarán en outubro en Inglaterra e Alemaña, que non só constitúen dous dos principais emisores d turismo cara a Santiago de Compostela, senón tamén destinos aéreos incorporados recentemente ao aeroporto de Lavacolla a través de Ryanair e Air Berlín.

Deste xeito, o día 5 de outubro Compostela participará no evento ‘Discover Galicia’ que organiza Turgalicia no Frankfurt-Zoo Palais, e sumarase ao grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas (GCPHE) na presentación que realizará o día 17 de novembro nesa mesma cidade. A isto se engade a asistencia, entre o 18 e 20 de novembro, á feira Expolingua en Berlín, especializada en estancias de aprendizaxe e turismo de idiomas.

Co mesmo grupo de cidades galardoadas pola Unesco estará Santiago o día 18 de outubro en Londres, cidade onde entre o 14 e 17 se realizará tamén a feira World Travel Market.

Brasil e Estados Unidos
En outubro está prevista tamén a asistencia a unha presentación en porto das Cidades Patrimonio como destinos de congresos e reunións (día 25), e á maior feira turística de Brasil, ABAV, que se celebra entre os días 26 e 30.

En novembro, o centro de acción será Estados Unidos. Un plan conxunto coa turoperadora Petrabax de Nova York permitirá a realización de catro presentacións nas cidades de West Chester, New Jersey, Long Island e Newark, co obxecto de poñer á disposición deses mercados paquetes turísticos de corte cultural, especialmente relixioso e arquitectónico, cara a Santiago de Compostela.

Turismo relixioso e Turismo de congresos
Na primeira semana de novembro Compostela acollerá a primeira reunión do proxecto europeo ‘Cidades Santas’, que pretende integrar os esforzos promocionais das tres metas de peregrinación do Cristianismo, Xerusalén, Roma e Santiago.

Ese mesmo mes, a cidade será sede dun macro-congreso da Sociedade Española de Medicina, el SEMFYC, que reunirá entre o 23 e o 26 a máis de 7 mil especialistas en medicina familiar.

O calendario de promocións contempla, finalmente, dúas accións a nivel nacional: a presentación do GCPHE en Madrid (15 de setembro) e as xornadas en Canarias e Palma de Mallorca, enmarcadas no convenio de comercialización turística subscrito entre Turismo de Santiago e Travelplan.

Compartir: