SEGURIDADE CIDADÁ E TRANSPORTES

A noite de San Xoán arderán 132 cacharelas

23/06/2008 A Concellería de Mobilidade e Seguridade Cidadá autorizou a celebración de 132 cacharelas e sardiñadas na noite de San Xoán, o 23 de xuño.

Convertida xa nunha cita tradicional en Compostela, a noite de San Xoán será unha boa ocasión para achegarse ata as diversas fogueiras distribuídas ao longo da cidade e dos barrios do rural. Especialmente concorridas serán as do Casco Histórico: San Pedro, Algalia de Abaixo, Peixería Vella, praza do Matadoiro ou carballeira de San Lourenzo, entre outras. Entre as do resto de Santiago destacan sempre algunhas como as de Lavacolla, Conxo, Berdía, Roxos, Enfesta ou Amio.

As fogueiras estarán acompañadas en moitos casos de sardiñadas, algunhas das cales xa se celebraron por adiantado. Dende a mañá, Bombeiros e Policía Local encargaranse de vixiar que se cumpran as normas de seguridade e limpeza, con especial atención á zona histórica.

Moucho Bus
Ademais, nesta edición de 2008, dende o Concello, a través da empresa municipal TUSSA, ponse en marcha servizo "Moucho Bus", que funcionará a noite do luns 23 de xuño.

Para favorecer a mobilidade en transporte público, tres liñas funcionarán ata as 2:00 horas: a 5, entre o Polígono de Vite e A Rocha; a 6, entre San Lázaro e Os Tilos; e a 7, entre San Roque e Aríns.

Compartir: