ALCALDÍA

Paulo Coelho agradece o recoñecemento dunha cidade que marcou a súa vida

23/06/2008 O escritor brasileiro Paulo Coelho está de visita en Compostela para recibir a homenaxe polo seu labor de divulgación da cidade e do Camiño, unha rota que "cambiou a miña vida", segundo dixo tras asinar no Libro de Honra da Cidade.

Coelho agradeceu a Santiago a homenaxe e por dedicarlle unha rúa. "É a primeira vez que teño unha rúa en vida", apuntou ao respecto deste acto "moi simbólico" para el. O escritor descubrirá unha placa na que será a rúa que levará o seu nome unha vez rematada, na entrada do Camiño Francés en Santiago, paralela a San Marcos.

Lembrando a súa experiencia no Camiño, alá polo ano 1986, cando contaba con 39 anos, indicou que con este percorrido "empecei unha busca persoal, na que descubrín a sinxeleza e o misterio da vida". Grazas a esta rota, Coelho decidiu dar un xiro á súa vida e converterse en escritor.

A raíz da súa experiencia, o autor brasileiro escribiu O Peregrino de Compostela (Diario dun Mago) (Planeta, 1987), que se convertería en best-seller e contribuiría a difundir o encanto místico do Camiño nos cinco continentes. Ademais, recalcou que non importaban os motivos polos que se facía o Camiño, porque "o máis importante non é o Camiño, senón o camiñante".

Despois de asinar no Libro de Honra da cidade, a seguinte cita de Paulo Coelho era a visita á rúa que levará o seu nome. Antes descubriu unha placa co lema "Ao escritor Paulo Coelho, amante do Camiño das esperanzas". Despois, cita na Finca de Vista Alegre con distintos persoeiros da cultura, para logo dirixirse a unha das cacharelas para gozar da noite de San Xoán e "comer sardiñas", segundo dixo o propio escritor.

Compartir: