HOMENAXE

Santiago de Compostela rende homenaxe a Paulo Coelho

20/06/2008 A capital galega renderá homenaxe ao escritor Paulo Coelho o luns 23 de xuño, para agradecerlle "o seu intenso labor de divulgación e promoción de Santiago de Compostela e do Camiño de Santiago a través das súas obras".

O novelista brasileiro percorreu a ruta de peregrinación xacobea no 1986 e, a raíz das súas experiencias, escribiu O Peregrino de Compostela (Diario dun Mago)’ (Planeta, 1987), que se convertería en best-seller e contribuiría a difundir o encanto místico do Camiño nos cinco continentes.

No 2006 Coelho emprendeu novamente o Camiño Francés, a ruta máis coñecida das 8 que percorren os peregrinos para chegar á Catedral de Santiago de Compostela, atravesando Francia, Navarra, A Rioxa, Castela e León e Galicia a pe, en bicicleta ou a cabalo.

Dende entón, as súas novelas e o seu propio testemuño persoal convertéronse, segundo o Concello compostelán, "en propulsores do coñecemento do Camiño e de Compostela no mundo, e especialmente en Brasil", onde a cidade do Apóstolo recibiu recentemente o premio ao mellor destino turístico internacional.

Programa de actos
O 23 de xuño, ás 12:30 horas, Coelho será recibido no Concello de Santiago pola corporación e asinará no libro de ouro da cidade. Pola tarde, ás 19:00 horas, no parque de San Lázaro, situado ao carón do Pazo de Congresos e na entrada do Camiño de Santiago, o escritor brasileiro descubrirá unha placa conmemorativa. A continuación visitará a rúa que levará o seu nome no barrio de San Marcos, xunto á rúa do Peregrino.

Ás 20:00 horas, nos xardíns da Finca de Vista Alegre, servirase un refrixerio aos asistentes aos actos e con posterioridade o escritor e os representantes municipais farán unha visita ás cacharelas que se organizan no entorno.

Compartir: