FUNDACIÓN GRANELL

"Revelación profana" únese ao ciclo de Surrealismo Internacionl

08/09/2005 O 14 de setembro inaugúrase a exposición "Revelación profana", do grupo surrealista de Leeds, que permanecerá aberta ata o 17 de outubro. Esta mostra forma parte do ciclo de surrealismo internacional co que a Fundación pretende constatar a vixencia do corpus estético do Surrealismo, non só a nivel galego e estatal, senón tamén a nivel internacional.

Trátase dunha exposición colectiva de dezaoito artistas ingleses, que conforman o Grupo Surrealista de Leeds. Este grupo tomou como referente, e quere adicarlle esta mostra, a outros surrelistas que lles precederon na andaina surrealista nas illas británicas, máis concertamente : Anthony Earshaw, Conroy Madox, Peter Wood, e un artista moi presente na fundación Granell, Philip West, natural desta mesma cidade.

O grupo de Leeds recolle o facho do surrealismo, e rende homenaxe nesta mostra a estes artistas, deixando claro que o surrealismo é un fenómeno vivo, que ten continuidade de xeración en xeración. Na mostra, e a modo de testemuña viva deste proceso, foi desexo explícito deste grupo de artistas, a presencia dunha obra de cada un dos catro artistas aos que lle adican a exposición.

A estrutura da mostra formúlase de cara ó público, tanto para o disfrute directo das produccións, como para achegarse á implantación da estética surrealista no Reino Unido como fenómeno máis amplo. Así, a exposición contará cunha parte documental formada por diversas publicacións que teñen que ver directamente con este grupo, cos integrantes desta mostra a nivel individual, ou con actividades surrealistas desenvolvidas en territorio inglés.

Grupo Surrealista de Leeds
O Grupo Surrealista de Leeds é un conxunto de artistas ingleses que definen o punto de partida e de arrivada do seu traballo no concepto "revelación profana" que da título a esta mostra. Como eles mesmos afirman "buscamos o que está agochado […]. Levantando a pel do mundo, destapamos o que latexa nos lugares e nos espazos que exploramos e, a través destes descubrimentos, podemos atopar os desexos latentes dentro de nós mesmos" .

Así, estos autores toman como fonte de inspiración todo aquelo que lles rodea, interpretándoo e analizándoo para empregalo como base ulterior das súas futuras creacións.
Esta especial maneira surrealista de percibir o mundo e a creación artística está baseada na particular relación entre a consciencia subxectiva do individuo e a realidade obxectiva que rodea o máis inmediato e cotián, é dicir, unha conxunción entre a imaxinación e a percepción, o mental e o físico.

Esta revelación acontece sempre dentro do mundo material por medio de dinámicas baseadas no xogo e no azar, e dela derívanse revelacións persoais que serven como base para a creación das obras. Nesta mostra poderase ver unha escolla formada por fotografías, collages, debuxos e pinturas efectuadas mediante tecnicas diferentes pero que parten dun proceso creativo común.

Compartir: