MEDIO AMBIENTE

Medio Ambiente entrega as autorizacións de uso das hortas do Parque de Belvís

19/06/2008 A concelleira de Medio Ambiente, Elvira Cienfuegos, participou no acto público de entrega das autorizacións de uso das hortas de Belvís. Con isto péchase o proceso, público e aberto, de posta en marcha das hortas municipais situadas no Parque de Belvís. No acto tamén se fixo entrega dunha copia da ordenanza municipal que regula o uso das hortas a cada un dos adxudicatarios.

En palabras de Elvira Cienfuegos, "a partires de hoxe as hortas xa están totalmente operativas e a disposición das e dos seus usuarios" ao que engadiu que "dende a Concellaría do Medio Ambiente tentaremos dar todas as facilidades para o cultivo das hortas". Así, "cada parcela estará identificada cun número e co nome da persoa que a cultiva" e ademais "existirá un espazo de usos comúns con aseos e vestiarios, que disporá de ferramentas para traballar a terra, regadeiras, auga para regar, mesas e bancos, e tamén un taboleiro de anuncios".

A todo isto hai que engadir que existirá "un horto común e experimental onde xa hai plantados tomates, pementos, cebolas, repolos, couve-flor e un xardín con plantas aromáticas como o romeu, xasmín ou menta".

As hortas de Belvís
As hortas municipais do Parque de Belvís son 29 parcelas, duns 60 metros cadrados cada unha, preparadas para a súa explotación hortícola mediante prácticas agrícolas ecolóxicas ou, cando menos, tradicionais. O Concello cede o uso destas hortas á veciñanza nos termos en que se establece na Ordenanza Municipal específica de uso das hortas.

Das 60 solicitudes presentadas á Concellaría do Medio Ambiente só 2 foron desestimadas por non cumprir os requisitos ficando unha lista de espera de 29 persoas que poderán acceder ao uso das hortas no caso de que algún dos 29 adxudicatarios, na súa maioría xubilados e prexubilados, teña que renunciar.

Compartir: