CULTURA

A Concellaría de Cultura dedícalle unha exposición a Curros Enríquez

19/06/2008 A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, inaugurou esta a exposición Manuel Curros Enríquez: nación, liberdade e progreso, no Paseo Central da Alameda, acompañada do director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, e da subdirectora, Silvia Modia. Esta mostra, que se fai en colaboración coa Concellería de Cultura da Coruña, permanecerá aberta ao público ata o 1 de xullo. Enmárcase dentro de diferentes actividades coas que o departamento de Cultura quere lembrar a Curros Enríquez no 100 aniversario da súa morte.

A mostra consta de varios paneis onde se amosa ao Curros Enríquez que chegou a ser un símbolo para o país. Cantor da liberdade e do progreso, fustigador do caciquismo e do clericalismo, denunciante da explotación do home polo home, Curros converteuse no poeta cívico de Galicia. A súa poesía belixerante cos poderosos, insensibles ao sofremento dos labregos, tamén aparece reflectida na mostra.

Os paneis van desde o Curros neno en Celanova ata a súa morte en Cuba, o posterior traslado do seu corpo para que repousara en Galicia e, finalmente, o enterro no cemiterio coruñés, nunha xornada de multitudinario loito popular, o 2 de abril de 1908. Levan por nome: Manuel Curros Enríquez: nación, liberdade e progreso; Camiño de Celanova, onde é máis tépedo o vento; O Mundo en servidume sumerxido; Falareilles da patria aos desterrados; A pauliña saíu que escomulga; A terra deixa onde infelis naceu; O regreso a Galicia en 1904; Alba de gloria para o oprimido mundo; e Inda ao morrer te mentarán meus beizos.

Ademais da exposición, o martes día 24, Pilar García Negro imparte a conferencia A defensa da lingua galega en Curros Enríquez, ás 20:00 horas no CSC do Ensanche. Esta conferencia vén a unirse a outra xa impartida o martes 17 de xuño, por Francisco Rodríguez e que levaba por título A vixencia de Curros. Pero ademais da exposición e das conferencias haberá un concerto-homenaxe que se celebrará o día 24 no Teatro Principal ás 21:00 horas baixo o nome Na frente unha estrela e no que participarán María Jose Ladra, Antón de santiago e Cítola.

Compartir: