MEDIO AMBIENTE

Unha festa para dar a benvida ao verán no Parque de Belvís

18/06/2008 A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel, Elvira Cienfuegos, presentou en roda de prensa a Festa de Verán/A Feira do Sol, que se celebrará durante mañá e tarde do sábado 21no Parque de Belvís. As actividades comezarán ás 12:00 horas e prologaranse durante todo o día, tendo prevista a súa finalización por volta das 20:30 h. Estas actividades están organizadas en colaboración coa Consellaría de Medio Ambiente e CESPA.

A concelleira sinalou que un dos pratos fortes do día será A Feira do Sol, un apartado da Festa que contará cunha carpa grande con cociñas solares, unha exposición sobre a mundanza climática, unha degustación de pizza e paella vexetal, un obradoiro solar e máis un obradoiro de compostaxe. Este obradoiros desenvolveranse en horario de mañá, de 12:00 a 14:20 horas, e horario de tarde, de 16:30 a 17:30 horas. Paralelamente a Feira estará activa durante este horario e prolongándose ata as 20:30 horas.

Alén da Feira do Sol a Festa de Verán contará con moitas outras actividades: durante todo o día nas terrazas de Belvís estará instalado un mercado de produtos de Comercio Xusto, de agricultura ecolóxica e de artesanía; e a partires das 17:30 e ate as 20:30 horas, contarase con actuacións de contacontos, animación de rúa, xogos populares e deporte rural galiciano. A música, o bo humor e o respecto ao medio natural tamén estarán presentes toda a xornada.

Unha cidade con zonas verdes para vivilas
Elvira Cienfuegos quixo resaltar que "Santiago é unha cidade que conta cun gran número de zonas verdes que son diversas na súas estruturas, características, equipamentos, tamaños... Mais todas teñen en común funcionar como promotores da saúde, entendida como benestar físico, mental e social". Ao que engadiu: "Son espazos para o lecer que propician o contacto coa natureza, as súas arbores melloran a calidade do aire, interveñen de xeito favorable na dinámica da auga... Cumpren por tanto unha función ambiental fundamental".

Un obxectivo fundamental para a Concellaría de Medio Ambiente é desenvolver actividades de educación ambiental. As zonas verdes da cidade son espazos idóneos para realizar este tipo de actividades educativas cun formato lúdico e festivo. En palabras de Elvira Cienfuegos "isto é o que pretendemos coa Festa de Verán e A Feira do Sol, unha festa para todos os públicos", en definitiva, "unha xornada para que pretende sensibilizar e comprometerse en prácticas ambientais sustentables".

Documentos relacionados



Compartir: