DEPORTES

Preto de 200 cativos amosarán as súas habilidades coa bicicleta de montaña na Granxa do Xesto

18/06/2008 A Fundación Compostela Deporte acolleu a presentación do I Premio Aquagest – Xira Caixanova – Mini BTT, organizado polo Club Ciclista Aquagest. A proba, que contará
coa participación de preto de 200 cativos, celebrarase o domingo 22 de xuño, ás 11:00 horas, na área recreativa da Granxa do Xesto, no Monte Pedroso, nas categorías
de principiantes, promesas, benxamíns, alevíns e infantís. É a primeira vez que Santiago acolle un evento deste tipo para os máis pequenos.

O concelleiro de Deportes e vicepresidente da Fundación Compostela Deporte, Andrés Fariña, apuntou que "a colaboración do Concello de Santiago e da Fundación neste evento é importante porque coincide cos obxectivos destas dúas entidades de procurar que a bicicleta sexa un elemento cada vez máis utilizado, non só deportivamente, senón como elemento de ocio e de transporte, para facer máis levadeira a convivencia nas cidades".

Segundo Fariña, "tamén é moi importante o número de equipos participantes (13) e de empresas colaboradoras. Este último aspecto tamén entra dentro da filosofía que queremos trasladar desde o Concello da implicación das empresas privadas no patrocinio e promoción de todos aqueles deportes que poidan ter atractivo para a cidadanía de Santiago".

Pola súa banda, a xerente de Aquagest en Santiago, Paula Piñeiro, subliñou que a empresa que representa seguirá "apoiando e potenciando todas estas actividades deportivas. E no caso concreto deste premio, conta co aliciente de que é para os máis cativos". O director Deportivo do CC Aquagest e organizador da proba, Juan Rey, apuntou que esta contará coa participación dos equipos Cambre-Frisonoble, Spol-Caixanova, Monteferro-Reale, BTT Ponteareas, Maceda-Academia Postal, Padrones-Aluminios Cortizo, Barbanza, Sarriano, Val do Ulló, Luís Ocaña, Expert-Ponteareas, Club Ciclista O Rosal e Bici Verde.

Todos os que queiran participar poderán formalizar as súas inscricións o mesmo día do evento na oficina permanente situada no restaurante da Granxa do Xesto, entre as 9:30 e as 10:45 horas. Para os nenos que desexen participar nas probas e non teñan licenza federativa, farase a categoría de Promoción, que terá un custo de oito euros (para o seguro). A inscrición para os que teñen licenza federativa é de balde.

A área recreativa da Granxa do Xesto será o escenario dun circuíto sinxelo que terá unha lonxitude aproximada dun quilómetro. Cada proba constará de dúas mangas e os tempos aproximados por manga para as distintas categorías son de: cinco minutos para a de principiantes; oito para a de promesas; dez para a de benxamíns; doce para a de alevíns e 15 minutos para a de infantís. En caso de empate a puntos, terase en conta para a clasificación o posto obtido na segunda manga.

O I Premio Aquagest-Xira Caixanova-Mini BTT conta coa colaboración do Concello de Santiago, Aquagest, Fundación Compostela Deporte, Sociedade Xestora do Plan Xacobeo, Federación Galega de Ciclismo, Fundación Deporte Galego, Begano – Coca Cola, Restaurante-Cafetería Granxa do Xesto, Caixanova, Anca, Leaseplan e Zico.

Compartir: