TURISMO

Máis de 1.600 curtametraxes xa se presentaron ao concurso do Festival Internacional Curtocircuíto

18/06/2008 Xa son 1.602 as curtas inscritas no Concurso Internacional de Curtametraxes de Curtocircuíto dende que se abriu o prazo o 14 de abril. Os participantes chegan dende máis de 70 países, entre eles algúns como Malaisia, Armenia, Irán ou Singapur.

Un comité de selección elixirá máis dun centenar de curtas que poderán verse durante a Semana Oficial do Festival que se celebrará en Santiago do 17 ao 24 de outubro. Catro xurados, compostos por recoñecidos profesionais do sector, decidirán os gañadores das oito categorías que compoñen o palmarés da quinta edición.

Curtocircuíto, unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e da Concellaría de Cultura, busca repetir o éxito acadado en 2007, no que o festival compostelán contou cun catálogo de 2.864 curtas, o que supuxo un incremento na participación do 460% respecto á edición de 2006.

O Festival Internacional de Curtametraxes estende as súas actividades máis alá da súa Semana Oficial de outubro. En breve darase a coñecer o gañador do concurso de guión Compostela Plató, o 3 de xullo comezan as proxeccións ao aire libre Curtocircuíto na Rúa e o prazo de inscrición para formar parte do catálogo do III Mercado Internacional de Curtas seguirá aberto ata o 24 de xullo.

Toda a información sobre os concursos, prazos e demais actividades de Curtocircuíto atópase na páxina web do festival www.curtocircuito.org.

Compartir: