MERCADOS

O mercado de Salgueiriños estrea a súa nova situación, máis ampla e funcional

17/06/2008 O concelleiro de Mercados, Carlos Nieves, presentou a nova situación do mercado de Salgueiriños a partir do xoves 19 de xuño. Ademais, amosou a distribución dos 243 postos que ocuparán esta tradicional feira.

A nova situación, na explanada á dereita do edificio de Facenda, en Salgueiriños, permite corredores de sete e nove metros, o que redundará en maior comodidade para os habituais clientes do mercado. Na parte central do recinto haberá un espazo de ata 22 de metros de separación.

Os catro grupos rectangulares de postos terán unha separación ao ancho entre eles de 9,50 metros. O resto de postos situaranse nos laterais ao longo e ancho de recinto. Cada un dos postos terá unha dimensión de 5 x 6 metros.

Nieves destacou tamén a distribución dos contedores, situados no medio de cada un dos grupos de postos, que facilitará a súa accesibilidade. Tamén haberá contedores nas catro entradas do recinto. Segundo o concelleiro, "isto vai permitir mellorar as condicións de limpeza do lugar, que habitualmente quedaba cheo de lixo tras o mercado". Neste sentido, demandou a colaboración dos comerciantes.

Cada vendedor disporá dunha tarxeta de identificativa, perfectamente visible nos postos, o que facilitará os labores de control da Policía Local. Finalmente, Nieves recordou que os xoves, entre as 7:00 e as 18:00 horas, ningún vehículo poderá estacionar na explanada onde se celebrará o mercado.

Compartir: