TURISMO

Máis de trinta hostaleiros fórmanse no curso de Tapas de "Santiago(é)Tapas"

16/06/2008 Máis de 30 bares e restaurantes de Compostela participaron no Curso de Tapas, que a Concellaría de Promoción Económica e Turismo organizou o luns16 no Centro de Formación Profesional de Lamas de Abade, como unha actividade formativa complementaria ao I Concurso de Tapas Santiago(é)Tapas. Con este curso búscase que os estabelecementos participantes poidan afondar no mundo das tapas de cara ao Concurso de Tapas, que se desenvolverá entre o 28 de xuño e o 13 de xullo.

Os profesionais da hostalaría compostelá puideron ampliar a súa visión da cociña das tapas ao mesmo tempo que aproximarse a experiencias empresariais doutras zonas xeográficas da man de tres grandes chefs da cociña en pequeno: Paco Guzmán, do Restaurante Santamaría (Barcelona) e Edorta Lamo e Íñigo Cojo, de A Fuego Negro (San Sebastián).

O curso estivo composto por dúas sesións independentes. A primeira foi impartida polos cociñeiros de A Fuego Negro, revelación gastronómica de máxima actualidade situada no casco vello de San Sebastián. Edorta Lamo e Íñigo Cojo falaron sobre o concepto empresarial e a organización do seu establecemento, pero tamén do proceso creativo que seguen na creación dun pintxo e dos diferentes formatos que traballan, como os vasos e chupitos, da súa longa carta de pintxos doces e salgados. Ademais desvelaron o segredo dalgún dos creativos e orixinais pintxos que ofertan no seu local, coma caramuxos con mazá verde ou o txitxarro con queixo de ovella e menta sobre "tosta" de cereixa, gañador do primeiro premio do II Concurso de Pintxos de Euskadi.

A segunda sesión correu a cargo de Paco Guzmán, quen deleitou aos asistentes cunha tapa de sardiñas con berenxena e iogur grego ao curry, ancas de rá marinadas con soia e xenxibre e o famoso "Drácula", un divertido xogo que explota na boca. Ademais de cociñar, falou da súa propia experiencia empresarial no Restaurante Santa María, que fundou hai 10 anos en Barcelona, un dos pioneiros na elaboración de tapas modernas e creativas na cidade condal, e de como ten evolucionado o mundo das tapas neste tempo.

Santiago(é)Tapas enmárcase dentro da aposta estratéxica de Turismo de Santiago polo fomento do turismo enogastronómico. Con este primeiro concurso de tapas séguese ampliando a oferta de actividades gastronómicas en Compostela, poñendo en valor tanto aos produtos galegos como aos establecementos hostaleiros da cidade.

Compartir: