MEDIO AMBIENTE

Outorgadas as 29 autorizacións de uso das hortas municipais de Belvís

16/06/2008 A Xunta de Goberno local outorgou as 29 autorizacións de uso das hortas municipais de Belvís, así como a lista de agarda. Estas concesións fanse a proposta da comisión avaliadora, que determinou aqueles usuarios que cumprían as condicións de acceso.

Do total das autorizacións, 18 foron concedidas por cumprir os criterios de prioridade establecidos na Ordenanza reguladora das hortas. As restantes resultaron do sorteo realizado entre as demais persoas que cumprían os requisitos. As non agraciadas quedarán nunha lista de agarda.

Ademais, adxudicouse a parcela que corresponde a cada persoa. Fíxase o 19 de xuño como data para a formalización da cesión de uso e o 19 de xullo como data límite para a toma de posesión.

Subvencións para a prevención de incendios
Tamén no ámbito de Medio Ambiente, aprobouse polo procedemento de urxencia a concesión de 27 subvencións destinadas á prevención de incendios forestais, por un importe global de 12.680 euros.

Finalmente, autorizouse a realización da actividade de educación e divulgación ambiental "Feira de Verán" o 21 de xuño, no parque de Belvís. O orzamento é de 7.552 euros.

Compartir: