BENESTAR SOCIAL

Seiscentos escolares achegáronse ao fenómeno da inmigración a través dos programas "Xuntos" e "En cada rostro igualdade"

16/06/2008 Un total de 595 alumnos de seis centros escolares participou nas campañas Xuntos e En cada rostro igualdade, promovidas pola Concellería de Benestar Social en colaboración co Foro de Inmigración. As campañas pretendían achegar aos máis novos ao fenómeno da inmigración e desbotar estereotipos sobre o mesmo.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, presentou os resultados destas dúas campañas, das que destacou a súa importancia para provocar "unha reflexión crítica e razoada dende un punto de vista creativo". Para Miguel Fernández, do Foro de Inmigración, a escola é o mellor lugar para este tipo de campañas, porque "onde se xoga o tema da interculturalidade é traballando coas persoas novas".

Acompañounos na rolda de prensa a coordinadora das actividades nas aulas, Rocío Rodríguez, quen explicou a metodoloxía das 47 sesións realizadas. No caso do programa Xuntos, participaron alumnos de 3º e 4º de primaria, e con el pretendíase contribuír a unha efectiva integración do colectivo inmigrante e emigrante retornado á sociedade galega.

A iniciativa promovía a sensibilización do alumnado sobre este fenómeno e para iso trazaba pontes entre a experiencia emigratoria galega e a inmigrante. Tratábase de reflexionar sobre os estereotipos asociados ao colectivo inmigrante, estimulando o contraste dos mesmos coa realidade. Para iso organizáronse dúas sesións dunha hora e corenta minutos cada unha, con traballo en grupo, xogos, entrevistas, diálogos guiados e mesmo elaboración de chapas sobre o aprendido.

Por unha sociedade integradora
En cada rostro igualdade estaba dirixido a alumnos de 3º e 4º de ESO, que interactuaron co obxectivo de lograr unha implicación afectivo-actitudinal do alumnado na convivencia e na construción dunha sociedade integradora e intercultural. Estudáronse sobre as distintas actitudes que se dan cara os inmigrantes (o prexuízo, o estereotipo e a discriminación), co fin de desbotalas a través dunha reflexión crítica.

A través de sesións dunhas dúas horas, os alumnos traballaron en grupo sobre os estereotipos e debateron sobre os mesmos. Para rematar a primeira sesión, proxectouse a curtametraxe de ficción "Amigo no gima". Na segunda, pretendíase que os alumnos adoptaran unha postura persoal ante as situacións expostas, para logo propor accións que contribúan á construción dunha sociedade integradora e intercultural. Remataba cun obradoiro creativo para realizar debuxos, chapas e chaveiros que simbolizaban o aprendido.

Compartir: