ALCALDÍA

Sánchez Bugallo agradece as xestións do presidente da Xunta para a elección de Santiago na iniciativa Urbana

13/06/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, agradeceu as xestións do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para que o proxecto Urbana Santiago Norte fora finalmente elixido para ser financiado no marco da iniciativa comunitaria Urbana 2007-2013.

Sánchez Bugallo indicou que, inicialmente, Santiago non fora seleccionada. Nese sentido, dixo, foi fundamental a intervención de Pérez Touriño para unha elección que cualificou "de xustiza", especialmente porque Santiago, con Lugo e Ferrol, nunca recibiran un Urbana. Agora, apuntou o alcalde, hai que por en marcha o proxecto.

A primeira fase será a de financiar a operación. Ademais dos 8 millóns procedentes de fondos comunitarios do FEDER, o proxecto tamén prevía unha achega municipal de 4 millóns de euros. Agora quedará por completar a cantidade restante ata os 15 millóns inicialmente orzamentados. Nesta liña, o alcalde anunciou que, en conxunto coas outras cidades galegas elixidas, se farán xestións coa Comunidade Autónoma.

Tamén anunciou que se vai a por en marcha unha Oficina específica para o Urbana Santiago Norte, que será o órgano de dirección e coordinación de todas as actuacións do proxecto, "un dos máis útiles para o proxecto da cidade".

Impulso ás infraestruturas
Na súa habitual rolda dos venres, o alcalde aproveitou tamén para facer resumo das súas xestións en Madrid durante a semana. Así, respecto ao túnel de Galuresa, felicitouse do compromiso do Ministerio de Fomento de ter funcionando os seis carrís de tráfico no primeiro semestre de 2010. Queda por determinar, dixo, que se poñan en funcionamento un dos dous túneles antes ou se se abrirán os dous á vez.

Tamén valorou o visto bo ao paso inferior por debaixo da rotonda de Conxo, un proxecto inicialmente non contemplado no convenio asinado con Fomento. "Hoxe é neste punto onde temos máis problemas de tráfico e de seguridade viaria", sinalou Sánchez Bugallo.

En materia de infraestruturas viarias, o alcalde trouxo igualmente da súa viaxe o compromiso de iniciar os estudos para a duplicación de carrís do vieiro Sar – Pontepedriña. Segundo indicou, "parece xustificado polo volume de tráfico que ten esta estrada".

Finalmente, felicitouse de que o Plan de Estradas da Xunta recentemente presentado inclúa todas as actuacións viarias previstas no Plan Sectorial, e recolla tamén a conexión directa entre Lavacolla e Guitiriz a través da prolongación da Transcantábrica.

AVE
En canto á entrada do AVE na cidade, Sánchez Bugallo dixo que "isto está ben encamiñado", pola dispoñibilidade do Ministerio para revisar o proxecto de entrada polo Castiñeiriño. O secretario de Estado de Planificación e Relacións Institucionais do Ministerio de Fomento, Víctor Forlán, visitará en xullo a cidade para ver sobre o terreo este tema.

A propósito da estación do AVE, o rexedor municipal indicou que a prioridade municipal segue a ser a de ter a estación. "Se é necesario mobilizar activos, non nos oporemos, pero o noso interese é ter unha estación e unha actuación urbanística que encaixe", dixo.

Sánchez Bugallo apuntou a "dispoñibilidade municipal a reanudar as negociacións con Adif, "sempre que aclare contidos e prazos", porque "por riba do interese en ter a estación canto antes está a responsabilidade de non deixar unha cousa mal feita, cun impacto visual negativo e cun problema de tráfico".

O alcalde tamén valorou a paralización das obras do AVE en Serrabal e cualificou como "unha vergoña que unha Administración Pública leve tres anos cunha obra adxudicada e parada e que a empresa non poida executar esta obra nun terreo xa expropiado". Segundo dixo, o Ministerio de Fomento e a Delegación do Goberno teñen a obriga de tomar as medidas legalmente previstas para que a obra se execute e se cumpran os contratos.

Exencións fiscais para o 2010
Sobre as conversas co Ministerio de Economía e Facenda, o alcalde transmitiulle aos seus responsables a necesidade de que, cara ao Ano Xacobeo 2010, se publiquen o ano anterior as exencións fiscais, co fin de que poidan ser efectivamente utilizadas e as empresas os inclúan nas súas contas. O Ministerio comprometeuse a incluír estas exencións na Lei de Orzamentos de 2009. O Concello tamén manifestou a necesidade de que se aplique a estas exencións a lexislación anterior.

Compartir: