CULTURA

O colectivo LGBT celebra unha edición do seu día en prol da igualdade de dereitos

13/06/2008 Con motivo da celebración do Día do Orgullo LGBT (lésbico, gai, bisexual e transexual), o sábado 28 de xuño, a Concellería de Cultura e a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia da Xunta prepararon un calendario de actividades co obxectivo de contribuír a impulsar a unha igualdade de dereitos efectiva.

A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, destacou que esta programación responde á necesidade de dar unha "vertente social" á cultura e de "superar as barreiras" que aínda afectan ao colectivo LGBT. Tamén a este compromiso se referiu o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, quen avogou por "darlle visibilidade". Precisamente, o Día deste ano 2008 está dedicado á visibilidade lésbica, segundo recordou Lucía Vázquez, presidenta de Aturuxo.

O calendario de actividades comeza o 16 de xuño co III Ciclo de Cinema Gai, Lésbico, Bisexual e Transexual. Ata o día 22 poderanse ver no Teatro Principal os filmes Riparo, de Marco Simón Puccioni; Puccini for begginners, de María Maggenti; Outing Riley, de Pete Jones, Fabulous (The history of queer cinema), de Lisa Ades e Lesli Klainberg; Clandestinos, de Antonio Hens; e Un amour à taire (Un amor por ocultar), de Christian Faure.

Do 20 ao 27 de xuño realizarase a mostra dos seleccionados no II Concurso LGBT Aturuxo, no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil (Casa da Xuventude. O horario de visita é de luns a xoves de 8:00 a 20:30 horas e venres de 8:00 a 15:00 horas.

Finalmente, o sábado 28 celebrase o Día do Orgullo LGBT. As actividades comezarán ás 13:00 horas, no parque de Belvís, cun Maripicnic-foliada. Xa pola tarde, ás 18:00 horas, Mani-festa-acción!, con saída no paseo central da Alameda. E para rematar a xornada, ás 22:00 horas e na praza da Quintana, festa-concerto coa presenza de Alive, Opperetta mix e La Kinky Beat.

Documentos relacionados



Compartir: