COMERCIO

Promoción Económica facilita aos comercios composteláns o acceso á publicidade nos medios locais

12/06/2008 O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, asinou catro convenios de cooperación con Compostela Visión, S.L. (LOCALIA), Radio Popular-Cadena COPE, Cadena Ser-Radio Galicia e Consulting Empresarial de Comunicaciones 2003, S.L., para o desenvolvemento do Programa de acceso á publicidade destinada ao sector comercial/empresarial de Compostela. Está previsto tamén se adhiran a este programa novos medios de comunicación.

O obxectivo do programa é potenciar o uso da publicidade como un investimento rendible a través de descontos nas tarifas de comercios e empresas que participan ou colaboran en programas organizados pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio. No acto de sinatura dos convenios participaron Luis Rivero de Aguilar y Sobrino, director comercial da Cadena Ser e de Localia en Galicia; Javier Castro Dopico, director rexional de Radio Popular-Cadena COPE; e Matías Briasó Invernón, director de Consulting Empresarial de Comunicaciones 2003, S.L.

Os convenios asinados sentan as bases de cooperación entre o Concello de Santiago e as entidades colaboradoras para a execución do Programa de acceso á comunicación e publicidade destinada ao sector comercial/empresarial de Compostela. Enténdese como entidade colaboradora calquera entidade que ofreza produtos publicitarios en prensa escrita, revistas e demáis publicacións, mupis, pantallas, radio, televisión, internet, circuitos pechados en autobuses, aeroportos, centros comerciais, etc.; e/ou calquera outro medio ou formato publicitario análogo.

Os beneficiarios do programa son os establecementos comerciais participantes no Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping e Concurso de I+C (Imaxinación máis Comercio); os beneficiarios do programa Compostela Activa, os usuarios do Servizo de Apoio a Emprendedores; e as entidades colaboradoras e persoas usuarias dos demáis programas para a creación de empresas e promoción do emprego desenvolvidos pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio.

Funcionamento do programa
Ao convenio marco do Programa de acceso á comunicación e publicidade destinada ao sector comercial/empresarial de Compostela (publicado no BOP do 30 de maio) poden adherirse como entidades colaboradoras os medios de comunicación e entidades que ofertan produtos e soportes publicitarios. Só teñen que cubrir o Anexo III do documento, colgado na páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Comercio, www.maiscompostela.org e entregalo no Rexistro Xeral do Concello. Unha vez realizado este trámite deben pesentar as tarifas con seu correspondente desconto para adxuntalas ao convenio e proceder a súa sinatura.

Pola súa banda, as empresas e comercios interesados en obter descontos publicitarios deberán cubrir Anexo II, dispoñible tamén na web www.maiscompostela.org e presentalo no Rexistro Xeral do Concello.

O funcionamento do sistema de contratación de publicidade é o seguinte: a Concellaría emitirá un certificado aos establecementos, persoas ou entidades que cumpran os requisitos anteriores. Este certificado serviralles para contratar directamente a publicidade aos prezos especiais fixados polos medios de comunicación asinantes nos anexos adxuntos ao convenio.

Os medios de comunicación asinantes comprométense a manter, ata o 31 de decembro do 2008, as tarifas especiais que figuran nos anexos dos convenios e que se publicarán na páxina web da Concellaría, www.maiscompostela.org; e a comunicar a informar regularmente das persoas ou entidades que fan uso do programa.

Vintecinco empresas e comercios beneficiáronse no ano 2007 de descontos en tarifas publicitarias grazas á aplicación do Programa de fomento do investimento en publicidade e promoción comercial, recollido nun convenio asinado entre a Concellaría de Promoción Económica, e Comercio e os principais medios de comunicación que operan en Santiago. Este ano, a diferenza do 2007, poden adherirse ao programa, ademáis dos medios, empresas que oferten produtos ou soportes publicitarios.

Compartir: