SEGURIDADE CIDADÁ

Compostela reúne a destacados expertos internacionais nos incendios en cascos históricos

11/06/2008 Os días 11 e 12 de xuño, o Auditorio de Galicia, acolle as II Xornadas Técnicas sobre Incendios en Cascos Históricos. Este encontro trae a Santiago a distintos especialistas internacionais nesta materia.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu aos participantes nestas Xornadas, que previamente foran inauguradas pola concelleira de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano.

A xornada do mércores 11 contou con conferencias a cargo de Tom Carroll, que presentou a súa "Guía para a protección de edificios históricos"; e do conselleiro de seguridade para o English Heritage (Centro Nacional de Rexistro de Monumentos), Steve Emery, que falou sobre "Centros históricos: evolución da normativa e regulamentación. Pechou as intervencións un integrante dos bombeiros de Aquisgrán (Francia), cunha charla sobre o "Sistema de protección contra incendios e salvagarda do patrimonio da catedral de Aquisgrán".

Para o xoves 12 quedan diferentes charlas sobre as emerxencias coas obras de arte, os protocolos de intervención en edificios históricos ou os sistemas de detección de incendios en edificios singulares, entre outros temas. Participarán representantes do Museo de América, do Ministerio de Cultura de Francia, do Museo do Louvre ou da consultora ICS Safety ou da empresa de sistemas contra incendios PARSI.

Compartir: